O centro atlanTTic conmemora o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

mércores, 7 de febreiro do 2024 S. P.

A Universidade de Vigo dedicará o mes de febreiro a dar visibilidade ao traballo das súas investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as xeracións máis novas e farao no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que se celebra o 11 de febreiro en todo o mundo.
A institución viguesa deseñou un amplo programa de actividades como obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames, que permitirán dar a coñecer a ciencia que se está a levar a cabo dentro da UVigo e achegar referentes femininos no eido da I+D.
As diferentes propostas están impulsadas principalmente polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, as facultades e escolas da UVigo, así como pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), en colaboración coa FECYT, e a Unidade de Igualdade.
Charlas en centros educativos de toda Galicia
A programación do 11F inclúe tamén unha serie de charlas e relatorios que preto de 60 investigadoras da Universidade de Vigo impartirán ao longo da primeira quincena do mes de febreiro en centros educativos de toda Galicia. En total, levaranse a cabo máis de medio cento de charlas e obradoiros presenciais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas enmárcanse na Iniciativa 11 de febreiro, que se organiza no ámbito nacional con motivo desta efeméride, e contan co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación na súa xestión.
Elas Fan CienTec
A actividade central no Campus de Vigo será o programa de obradoiros Elas Fan CienTec, que chega á súa oitava edición e está previsto para o xoves 8 de febreiro. Ao abeiro desta iniciativa, alumnas de catro institutos da provincia de Pontevedra visitarán varios centros de investigación e facultades do campus para coñecer o traballo que as investigadoras levan a cabo nos seus laboratorios. Varias investigadoras de atlanTTic e docentes da E.E. de Telecomunicación recibirán as alumnas do IES de Valadares, onde realizarán dende unha sesión de detectives de imaxes ata un taller de programación dun xogo con Scratch e outro de programación web. Este programa, organizado por docentes e investigadoras da Universidade, conta co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade.
Conectando en igualdade
Ademais, no Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, celebrarase a segunda xornada do ciclo Conectando en igualdade, que se centrará na Intelixencia Artificial e contará coa participación de varias mulleres expertas neste eido que abordarán cuestións relacionadas coa igualdade. Esta actividade, que conta co apoio da Unidade de Igualdade, terá lugar o xoves 22 de febreiro de 11.00 a 13.30 horas na sala 1 do edificio Miralles e tamén se poderá seguir en directo a través de UVigo-TV.

PUBLICIDADE