O centro Gradiant comeza o ano con máis de 2 millóns de euros en contratos
luns, 27 de febreiro do 2012
- Fernando Pérez, director de Gradiant, Javier Guerra, conselleiro de Economía, e Ricardo Capilla, director xeral de I+D
O
centro galego de investigación Gradiant,
emprazado en Vigo, presentou este luns os datos do exercicio
económico de 2011 e máis as perspectivas e plans do ano en curso,
unha información que lanza bos agoiros sobre a andaina futura do
centro e, por extensión, sobre a súa estreita colaboración co
tecido TIC galego. De feito, segundo se fixo saber polo miúdo na
presentación do informe, nun acto que contou coa presenza do
director xeral de Gradiant e máis do conselleiro de Economía
(Fernando Pérez e Javier Guerra), o centro vigués arranca 2012 con
máis de 2 millóns de euros en contratos.
E
todo isto, malia estarmos arestora nunha fonda focha produtiva que,
de xeito case inevitábel, tamén se vai facer sentir a curto e medio
prazo. Así o fixo saber no dito acto o director de Gradiant,
Fernando Pérez, que logo de recordarlles aos presentes que 2012 será
un ano “moi duro”, incidiu na cifra acadada de contratos,
máis de dous millóns de euros en contratos e con dous obxectivos
claros: “Incrementar os ingresos por venta de propiedade
intelectual e a posta en marcha de outras formas de transferencia,
como a constitución de spin-offs”.
O
exercicio do ano 2011 pechouse cunha cifra de facturación de
servizos de I+D a empresas, máis do 60% da actividade do centro, cun
medre dun 20% con respecto a 2010, “mantendo un volume de
ingresos semellan a aquel ano”. Asemade, incidiuse en que entre
un 7 e un 8% dos ingresos de empresas proveñen da venda de
propiedade intelectual xerada polo centro e en que ao longo de 2011
solicitáronse varias patentes internacionais, sobre transmisión de
contidos dixitais e sobre filtrado adaptativo seguro, así como unha
patente nacional sobre sistemas de predición de cobertura.
Amais
do devandito, fíxose saber que ao longo dos seus tres anos de vida,
Gradiant acadou un ingreso no rexistro nacional de Centros de
Innovación e Tecnoloxía, cumprindo as rigorosas esixencias respecto
a reducir o financiamento público non competitivo (a un 0% en 2011)
e incrementar o investimento privado en iniciativas de I+D, sinalouse
na presentación dos datos celebrada este luns. Por certo que tamén
houbo sinais positivos, engadiu Gradiant, no que se refire ao medre
do equipo humano, que pasou de 45 persoas ás 59 de hoxe, dándose
este incremento no eido investigador e non nos de soporte e
administración. Prevese que en 2012 o número de traballadores aínda
vaia a máis, sobre todo grazas a proxectos como LiftGate, que inclúe
2,6 millóns de euros procedentes do Programa Marco, da Comisión
Europea.