O centro Gradiant achegará a Smart City Coruña a súa experiencia en obxectos intelixentes

venres, 5 de xullo do 2013 Redacción

O proxecto para converter á Coruña nunha cidade dixital (a iniciativa Smart City Coruña) vai contar coa participación e colaboración do centro galego Gradiant de investigación tecnolóxica. Así nolo confirma o propio centro, que fixo acto de presenza, o pasado 21 de xuño, na presentación da dita iniciativa coruñesa, unha proposta para aplicar na cidade herculina as metodoloxías e os conceptos de Smart City, que é onde se engloba un tipo de urbe actualmente en desenvolvemento, mellor xestionada, mantida e comunicada. Segundo indica Gradiant, este tipo de cidades teñen entre outras características de seu o feito de ser quen de optimizar os seus servizos a través dun uso racional e rendíbel das TIC. “Ao seu abeiro”, engádese, “exponse a creación de novos métodos intensivos en comunicación de rede que crean sistemas reactivos que responden en tempo real ante diversas situacións e eventos e atenden as necesidades individuais de cada usuario”.
Este proxecto coruñés, liderado pola alianza formada por R, Indra, Altia e Ilux, ten como obxectivo específico modernizar desde a súa orixe a concepción de cidade que se ten hoxe en día, actualizando a relación dos cidadáns con infraestruturas, servizos e goberno local, engade Gradiant, para quen está claro que a aplicación dun ingrediente complementario, o ingrediente da Internet das Cousas, sentará os alicerces para servizos de valor engadido que melloren a interacción dos usuarios coa súa contorna e optimicen tarefas de xestión e administración, reducindo custos e creando valor para cidadáns, negocios e sectores públicos.
Precisamente, Gradiant, en colaboración cos demais membros da alianza empresarial, participará na definición e creación dunha arquitectura de Internet of Things baseada en servizos para a Plataforma Smart City Coruña que permita levar a cabo a integración de obxectos intelixentes nun escenario de cidade intelixente. “Búscase mellorar a oferta de servizos a disposición do cidadán, das empresas e das administracións”, explica o centro vigués, que engade que para esta iniciativa “empregaranse tecnoloxías das distintas liñas de investigación de Gradiant, como son tratamento de imaxes en tempo real, computación na nube, big data, que permitirán definir a seguinte xeración de técnicas para a súa integración nas Smart Cities do futuro, avaliando a súa aplicabilidade noutras contornas distintas ás cidades”.

PUBLICIDADE