O centro GaiásTech acollerá actividades para celebrar o Día Internacional das Rapazas nas TIC

luns, 24 de abril do 2023 Redacción

A AMTEGA celebrará o 27 de abril, o Día Internacional das rapazas nas TIC cunha xornada no centro GaiásTech da Cidade da Cultura e na Rede CeMIT, dirixida ao alumnado de entre 8 e 14 anos. As actividades programadas nesta xornada terán como obxectivo fomentar o interese no sector tecnolóxico entre as persoas máis novas.
A xornada comezará coa actividade interactiva Coñece a importancia da muller nas TIC, na que se realizará un breve percorrido histórico sobre a relevancia da muller neste ámbito. Haberá tamén unha charla da xornalista e presentadora Esther Estévez do programa da CRTVG Dígocho Eu.
A sesión rematará cun taller de robótica no que os rapaces e rapazas poderán programar e poñer en funcionamento un vehículo e experimentar de primeira man a aplicación práctica da robótica e a programación. As persoas que non poidan asistir de maneira presencial poderán seguir as dúas primeiras actividades en liña que se retransmitirán dende o GaiásTech a través de Zoom.

Vocacións e talento feminino para liderar o cambio tecnolóxico en Galicia

As actividades do Día Internacional das Rapazas nas TIC forman parte do Plan para o Impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, e contribúe aos obxectivos de estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías, así como, fomentar o atractivo vocacional de profesións científico tecnolóxicas desde idades temperás e promover a redución da fenda de xénero para contribuír ao aumento da taxa de mulleres en carreiras técnicas.

PUBLICIDADE