O centro AtlantTIC abre as súas portas ao público este venres 18

luns, 14 de novembro do 2022 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo, AtlantTIC, abrirá ás súas portas este venres 18 de novembro en horario de 16.00 a 19.00 horas, para, en palabras do centro, “achegar o seu coñecemento e labor á cidadanía”. Deste xeito, escolares e público en xeral poderán visitar as dependencias deste centro TIC e participar nas visitas guiadas aos laboratorios.
En termos máis concretos, as persoas e grupos visitantes terán a oportunidade de coñecer os espazos onde os equipos do centro colaboran coa Axencia Espacial Europea (ESA) ou impulsan ferramentas que melloren a ciberseguridade, a experiencia accesíbel dos viaxeiros no Camiño de Santiago, a auto-diagnose de enfermidades ou as posibilidades da 5G, entre outras liñas de traballo vencelladas á computación cuántica, á Intelixencia Artificial ou á fotónica integrada.
“Trátase dunha ocasión única para poder estar en contacto co noso persoal investigador e coñecer de que xeito inflúen no deseño das tecnoloxías do futuro a través da súa colaboración activa en proxectos desenvolvidos para empresas e institucións nacionais e internacionais”, explican fontes do centro vigués, engadindo que baixo o lema Conecta con atlanTTic, unha vintena de investigadoras e investigadores atenderán as dúbidas do público.
Ademais de stands con demostracións, as persoas asistentes poderán visitar tres dos laboratorios do centro nos que traballa o persoal investigador e técnico. Trátase do laboratorio de Seguimento de Satélites, o laboratorio de Fotónica, no que coñecerán máis sobre á revolución dos chips fotónicos; ou o de Acústica, que agocha unha cámara semianecoica, totalmente illada de calquera fonte sonora externa, deseñada e recuberta para absorber as ondas sonoras e electromagnéticas e cunha sala de control non-enviroment.
Durante esta xornada, o centro ofrecerá espazos para compartir os seus proxectos máis innovadores ou mesmo os resultados das súas últimas investigacións en curso coa finalidade de “achegar a ciencia á cidadanía pero tamén espertar vocacións entre as e os máis pequenos”.
O centro AtlantTIC é un centro de investigación punteiro composto por máis de 170 profesionais que desenvolven coñecemento no campo da privacidade e a seguridade, as tecnoloxías multimedia, as redes de datos, os e-servizos, a bioenxeñaría, o radar, as comunicacións por satélite e, en xeral, as comunicacións radio e ópticas. O seu equipo investigador lidera proxectos H2020 ou colabora coa Axencia Espacial Europea (ESA), obtivo diversos premios ao seu labor, ou pertence a algunhas das academias e sociedades científicas e profesionais máis recoñecidas. Ademais, asinan artigos nas máis prestixiosas cabeceiras sobre ciencia como Science ou Nature.
Na xornada de portas abertas mostrarase boa parte do traballo de atlanTTic entre o que se atopan proxectos como SignaMed, para o emprego do recoñecemento automático de lingua de signos; a aplicación móbil talkAACtive, que axuda a persoas con Trastorno do Espectro Autista no entorno laboral; o Bot de Entretemento e Acompañamento (BEA), para persoas maiores; o proxecto rurAllure, para planificar itinerarios de varias rutas peregrinas europeas; Fawrensian, o software que analiza a veracidade das fotografías; Lightboard, para a educación dixital; LifeTEC, novas ferramentas para a loita contra aos lumes; LitterDrone e BEWATS, teledetección e seguimento de lixo no mar, ou Panoramix, para a detección do deterioro cognitivo.
Entre tódalas e tódolos visitantes o centro sorteará un kit de produtos promocionais do centro. As portas abertas enmárcanse no programa de actividades de Divulgando Ciencia Singular e require inscrición previa que pode realizarse a través da propia web do centro.

PUBLICIDADE