O catálogo patrimonigalego.net supera os 3.000 rexistros en só dous anos de vida

luns, 4 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

O acubillo web de bens culturais patrimoniogalego.net segue a cumprir co obxectivo fundamental co que naceu: documentar, rexistrar e amosar a riqueza dos nosos inmóbeis en calquera das súas moitas manifestacións para que quede constancia deles antes de que a ruína avance e o desleixo das administracións e da cidadanía (cunha parte dos propietarios, non todos, dándolles as costas, ben sexa por falta de interese ou falta de orzamentos) faga o resto. Con todo, tamén hai que sinalar que outra das finalidades desta web, impulsada en parte polo noso compañeiro Manolo Gago, é visualizar a importancia das cousas para recuperalas e poñelas en valor. Polo de agora, o rumbo do portal semella ser o axeitado, e tanto que é así: xa se acadou o rexistro de 3.000 bens culturais inventariados.
Como lembraremos, estamos ante o meirande catálogo social en liña dos nosos bens cultuarais, e co valor engadido (no que a consecucións de cifras e participación se refire) de ter sido posto marcha hai só dous anos.
Detrás desta iniciativa tan necesaria (polo que ten de medida tecnolóxica e colectiva contra o esquecemento), está unha comunidade cada vez máis nutrida de colaboradoras/es. Como curiosidade, dicir que a ficha número 3.000 corresponde á igrexa mosteiral de San Salvador de Vilaza, no concello de Monterrei. O seu autor é Xabier Moure, “un novo catalogador aínda que dos máis activos nos últimos meses, con máis de trescentas fichas no seu haber”, informan os creadores deste acubillo patrimonial en liña. Outros catalogadores que tamén superan o cento de bens inventariados son Elixio Vieites, Xosé Troiano e Gavilanes67 -con máis de catrocentos cada un-, Óscar Franco, Xandlinathry, Xokas ou Manuel Rial.
Patrimoniogalego.net xorde directamente da filosofía-metodoloxía da participación cidadá a través das redes, ou sexa, do arrexuntamento de moitas mans para facer o que doutra maneira, cada unha por separado, sería inviábel. Isto aplícase a nivel internacional en plataformas de loita social como Change.org, Avaaz ou tamén nun servizo galego do que falamos varias veces na nosa web e que se encamiñada a pór freo á vaga de desafiuzamentos a través do traballo colectivo en liña: Doafund.
Volvendo a patrimoniogalego.net, dicir que a día de hoxe xa contabiliza máis de cento oitenta mil visitas por páxina e un número de usuarios que día tras día vai a máis. “Do seu correcto funcionamento”, informa o equipo do catálogo, “ocúpase un grupo de profesionais de distintas disciplinas que decidiron sacar adiante este proxecto de xeito altruísta e desinteresado”. Coordina o grupo o divulgador e profesor da USC Manuel Gago, quen tamén se ocupa do deseño e do mantemento da web xunto con Eladio Rial, mentres que o corpo de Produción está formado por Milagros Bará, Álex Bragaña e Soledad Felloza. En canto ao devandito corpo de Edición, intégrano Adela Oyonarte, Franjo Padín, Carmela Sánchez Arines, Xosé Gago e Elixio Vieites. Das cuestións xurídicas ocúpase o avogado Bernardo Dios, e finalmente os xornalistas Xurgo Salgado e Félix Aragunde son os responsábeis do gabinete de Comunicación.

PUBLICIDADE