O catálogo dixital da Biblioteca Municipal de Lugo recibiu máis de 13.200 visitas

xoves, 15 de febreiro do 2018 Redacción

A Biblioteca Municipal de Lugo vén de achegar os datos do balance de actividade do ano pasado. Segundo se reflicte no informe, as cifras poñen de manifesto un incremento de fondos, de usuarios, de préstamos e de visitas ao catálogo dixital. Así, a biblioteca incorporou 352 usuarios, logrando máis de 18.100 préstamos. Deles, un 80% foron libros, concretamente 14.494, e o resto, 3.627, audiovisuais. Na actualidade, as instalacións municipais contan cun fondo bibliográfico de 38.429 exemplares, entre libros de adultos, infantís e xuvenís, documentos audiovisuais, documentos sonoros e documentos electrónicos.
Ao longo do 2017, froito do labor continuo de actualización e fortalecemento do Concello, a biblioteca incorporou 837 exemplares, 442 para adultos e 395 infantís. Ademais, do total de persoas usuarias inscritas no servizo de préstamo, 12.874, 11.400 son adultos e 1.474 nenos e nenas. Polo que se refire ao catálogo dixital da Biblioteca Municipal de Lugo, que permite realizar consultas e reservas de fondos a través de Internet, recibiu máis de 13.200 visitas. Este catálogo, ao que se pode acceder dende biblioteca.lugo.gal e a través da web municipal, permite aos usuarios (estean rexistrados ou non) a visualización dos resultados de cada busca cos datos bibliográficos do documento e ofrece ligazóns sobre os seus autores e materias.
Obras máis solicitadas
Os libros en castelán da sección de adultos máis solicitados no que vai de ano foron Todo esto te daré, de Dolores Redondo; La verdad sobre el caso Harry Quebert, de Jöel Dicker, Patria de Fernando Aramburu, La chica del tren, de Paula Hawkins e El Desorden que dejas, de Carlos Montero. En galego, os exemplares máis prestados foron Ollos de auga, de Domingo Villar, Mercurio, de Emilio Alonso, Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas, Memorias dun neno Labrego, de Xosé Neiras Vila e Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello.
Polo que respecta á sección infantil, os libros en castelán máis solicitados polos nenos e nenas foron Diarigo de Greg: ¡Esto es el colmo!, de Jeff Kinney, Una aventura en el Caribe, de Tea Stilton, El hogar de Miss Peregrine para niños peculiares, El juego infinito e Buscando plan, de Ransom Riggs, James Dashner e Jeff Kinney, respectivamente. No que se refire ás obras en galego, os máis pequenos da casa decántanse por Escarlinata a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, Os Bolechas van a un festival de Pepe Carreiro, Europa express, de Andrea Maceiras, Xenaro e o misterio da mochila verde, de Mar Guerra e O escarabello de ouro e outros contos, de Edgar Allan Poe.


PUBLICIDADE