O catálogo da Biblioteca da USC xa entende galego

martes, 18 de xuño do 2013 Redacción

O noso idioma segue a abrirse camiño na súa loita cotián de facerse ver, ler e ouvir no maior número de sitios posíbeis. É o caso do catálogo da Biblioteca Universitaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), unha base de datos moi solicitada de cara ás pescudas as 24 horas do día por parte de estudantes, investigadores/as e persoas alleas á USC que vén de ser traducida ao galego. Cómpre dicir que a Biblioteca Universitaria -amais de introducir a opción galega nas súas procuras- acaba de actualizar o seu portal en Internet con melloras encamiñadas ás usuarias/os: ver as portadas dos libros, consultar as obras total ou parcialmente (grazas á interacción con Google Books) ou mesmo confeccionar listaxes propias de obras, valoralas ou compartilas a través das redes sociais. Con todo, a achega máis salientábel da Biblioteca é a ligada á normalización lingüística, xa que a partir deste intre poderanse facer buscas de libros por temas no Catálogo Iacobus na nosa lingua, tanto no índice de tema en galego coma na procura por palabra.
Agora poderanse procurar referencias bibliográficas sobre a linguaxe buscando tanto a partir de lenguaje coma de linguaxe, coidando sempre de empregar castelán ou galego, segundo o índice de tema elixido. Trátase da tradución ao galego dos termos que a Biblioteca emprega na indización temática de todos os recursos que se achegan ao Catálogo. Dicir que os termos foron traducidos dunha listaxe en francés (do Repertoire de vedettes matiére da Université Laval de Quebec) e constitúen unha ferramenta bilingüe ao recoller os termos equivalentes en castelán e permitir facer as buscas neste idioma no índice correspondente. Deste xeito, uns 29.000 termos foron traducidos, aos que hai que engadirlle os 9.500 sinónimos en galego, cifra que ha seguir medrando segundo apuntan dende a USC.
A introdución do galego no catálogo da Biblioteca Universitaria da USC foi posíbel grazas ao traballo voluntario do persoal técnico da propia Biblioteca e ao Servizo de Normalización Lingüística co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística.

PUBLICIDADE