O caso da loura que perdeu a cámara, nova estratexia de marketing en liña

martes, 4 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Nisto do marketing viral, calquera cousa é posible. O caso é axitar, promover, crear cadea e xa está. Algo así como bater palmas nun concerto e gozar vendo como todo o mundo che imita polo propio pracer de que che sigan. Isto máis ou menos é o que vén de ocorrer cun dos máis recentes (candentes) fenómenos da Rede dos últimos días: o do caso dos xenerosos internautas que logo de recuperar a cámara extraviada dunha moza que a tiña rebordante de suxestivas imaxes dela mesma, decidiron facelo público na Rede co fin de devolverlle o aparello. E como se lles ocorreu facelo? Pois poñendo as imaxes perante os ollos de internautas de todo o mundo.
Finalmente, a cousa semella ser un amaño ou misteriosa estratexia de marketing pero serviu para pór de relevo unha vez máis o seguinte: 1º Que na Rede hai moitos homes. 2º Que a comunicación masiva con loura incluída funciona moito mellor, e isto vale para todo, por triste que sexa.
O caso é que se sabe pouco do asunto, pero hai unha cifra de participación na campaña: máis de 17.000 persoas de todo o mundo formaron parte do proceso de busca, todos eles probablemente cunha idea na cabeza, unha idea moi vella, semellante á que tiveron os milleiros de homes de todo o mundo que pensaron en nacionalizarse en Bélxica cando a candidata Tania Derveaux ofreceu felacións se gañaba nos comicios do país.
Segundo informa Infobae, a rapaza en cuestión xa foi recoñecida ó longo das últimas horas. Chámase Wendy e ten pousado nalgunhas webs de contido erótico. O misterio reside en saber que é exactamente o que se promove con esta estratexia de marketing. Promóvese a web na que se penduraron as imaxes? Ou será que se promove ela? Todo sinala a esta última hipótese.

PUBLICIDADE