O cantante Plácido Domingo cualifica á Rede de traxedia tremenda para a música

venres, 29 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Malia que nisto da protección (ou non) do negocio da música hai quen aposta por algo intermedio que satisfaga a uns e outros (algo nesta liña, por poñer un exemplo), o certo é que entre unha boa parte dos persoeiros da cultura española non semella haber moito ánimo de levarse ben coa Rede. Máis ben todo o contrario. Na liña de obviar o positivo de Internet (reclamo para concertos, cancións como cartas de presentación para grupos e cantantes) é na que se move, precisamente, o cantante Plácido Domingo, quen non só confesa nunhas declaracións recentes a súa negativa a empregar Internet (perfectamente loable) senón que identifica esta plataforma con todo o malo que lle está a acontecer ao negocio da música, ao que cualifica de “traxedia tremenda”.
O cantante expresouse así durante o acto de entrega do President´s Merit Award, premio que lle foi entregado en Santa Mónica (Estados Unidos) pola súa contribución ao eido da música clásica. Tras recibir o galardón, que para algúns especialistas certifícao unha vez máis coma o mellor cantante vivo, Plácido Domingo amosou o seu malestar polos tempos difíciles que está a atravesar a industria discográfica, en boa medida provocados (sinalou) pola Internet pola posibilidade de facer a través dela, e gratis, o que decote se facía nas tendas: “Iso que é tan doado para a xente como é a Internet, é algo ao que eu me teño negado”, dixo, ao que engadiu que é un drama que as grandes tendas de discos tiveran que pechar e que aos novos artistas das novas xeracións se lles estea a negar a posibilidade de dar a coñecer a súa música a través das canles tradicionais. “Eles xa non teñen a posibilidade de gravar como a tiven eu”, manifestou.
E proseguiu, facendo referencia ao potencial da Rede como acubillo de toda a información, mesmo da que non se desexa achegar de xeito libre: “Hoxe en día grávase ben pouco, gravar óperas completas é rarísimo, eu sei que toda a miña vida, que me custou tanto traballo, está na Rede, e en moitas ocasións todo se baixa de balde”.

PUBLICIDADE