O campus de emprendemento sustentábel e innovador da Deputación de Lugo abre prazo de inscrición

venres, 1 de febreiro do 2019 Redacción

A Deputación de Lugo abriu hoxe o prazo de solicitude para participar nos Campus de Motivación e Maduración Empresarial, pertencentes ao sexto Campus de Emprendemento Sostible, iniciativa da entidade provincial para favorecer a posta en marcha de iniciativas de mercado innovadoras e con capacidade para transformar o rural cara ao sustentábel, o tecnolóxico e o xerador de emprego. Ao abeiro dos campus, subminístranse 30 prazas, 15 en cada un dos cursos, que se celebrarán en varias sesións durante o mes de marzo de forma totalmente gratuíta para os asistentes.
A través desta iniciativa o Executivo provincial ofrece gratuitamente a todos os lucenses emprendedores accións formativas teóricas e asesoramento individualizado, con visitas a empresas competitivas e sustentábeis, co obxectivo de que “poidan poñer en marcha os seus propios establecementos en calquera dos concellos que integran as Reservas da Biosfera Terras do Miño”.
As persoas interesadas poden apuntarse no espazo que se atopa habilitado en www.deputacionlugo.gal, ofrecéndoselles a posibilidade facelo en calquera dos dous campus. O prazo de inscrición ficará aberto até cubrir as prazas ofertadas. As clases formativas impartiranse no Centro de Interpretación, situado no Paseo do Río Rato.
Polo que se refire ao Campus de Maduración Empresarial, está dirixido a todas as persoas cunha idea de negocio. Será un curso intensivo de catro días, que combinará sesións teóricas con visitas a empresas e titorías individuais, unha vez rematadas as sesións. En canto á parte teórica, traballarase a maduración da idea empresarial de cada un dos participantes, analizando, por exemplo, a súa viabilidade comercial, técnica e legal a través da metodoloxía Canvas, o enfoque medioambiental con exemplos prácticos ou a viabilidade económico-financeira a 5 anos.
No que atinxe ao Campus de Motivación, encamíñase sobre todo a profesorado de centros educativos localizados na Reserva da Biosfera Terras do Miño, co fin de que imparta materias relacionadas co mundo da empresa, tales como economía, empresa e iniciativa emprendedora ou formación e orientación laboral. As sesións, que serán intensivas, están destinadas a ofrecer contidos, recursos e ferramentas sobre emprendemento para traballar co alumnado nas aulas.
26 empresas xeradas
As cinco anteriores edicións do Campus de Emprendemento Sostible supuxeron polo de agora, un total de 26 novas empresas na provincia e, en consecuencia, “a creación novos postos de traballo no conxunto do territorio lugués”, segundo lembra a Deputación. Entre as empresas creadas hai unha presenza notábel das novas tecnoloxías, tanto nos produtos ou servizos a subministrar como na materia prima empregada polas propias empresa beneficiarias no seu día a día (comunicación, xestión, distribución).
Estas son as empresas: Pitas das Chas (Becerreá); D´Abella (Baleira); Terraminimum (Lugo); DulceMenta (Lugo); A Leira (Burela); A horta da Sancoveiga (Vilalba); Esther Fernández Díaz (Ancares); Nenea, medrar creando (Lugo); Avogar (Lugo); Bico de Grao (Lugo); PK3 Ingenieros (Lugo); Marmeladas Acea de Olga (Lugo); WiseKid Summer Camp (Lugo); Mel Casa Príncipe (Cervantes); Explotación Extensiva de Gando Vacún (Sarria); Abadía (Mondoñedo); Bufarda Arquitectura (Monterroso); Esmorga Eventos (Mondoñedo); Galimós: A nosa granxa de galiñas de Mós (Outeiro de Rei); M3 Aguas (Lugo): ingeniería ambiental; Tu alicate, tenda online de ferramentas (Becerreá); Dukaree Artesanía de la Calabaza (O Corgo); Centro Shalom (Lugo); Caserío Meiroi (Navia de Suarna); Elexes, más que electricidad (Lugo); Hotel Os Ancares (Becerreá).

PUBLICIDADE