O cable cómelle terreo ao ADSL nos últimos estudos sobre velocidade

xoves, 23 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O cable semella gañar terreo estes días na súa (dura) competencia coa outra tecnoloxía estrela de acceso á Rede dende o fogar e o traballo: o ADSL. O avance en cuestión vén subministrado por un informe concreto, o 2º Monitor de Velocidade de Acceso a Internet que presentou este mércores o blog Bandatotal e que foi elaborado a partir dos datos oficiais que os grandes operadores de telecomunicacións (con beneficios de máis de 20 millóns de euros) están obrigados a enviar ao Ministerio de Industria.
Segundo se conta na investigación facendo referencia a actividades comerciais que van do segundo trimestre de 2008 ao primeiro de 2009, das nove empresas avaliadas (Telefónica, Ono, Orange, Jazztel, Ya.com, Euskaltel, Grupo R, Telecable e Tele 2) os operadores de cable (entre os que se inclúe a firma galega R, amais de Ono, Telecable e Euskaltel) achegan “os mellores resultados de velocidade de acceso a Internet, confirmando a superioridade desta tecnoloxía fronte ao ADSL, que se basea no aproveitamento das antigas redes de cobre”, sinálase.
Dentro mesmo deste feixe de firmas analizadas, engádese, cómpre facer apreciacións. Por exemplo: non todas as empresas de cable puntúan igual. En primeiro lugar sitúase Ono, que para o devandito blog é o operador con mellores datos globais en velocidade de acceso a Internet, cun total de 21 puntos e unha nota media de 8,75 sobre 10. Logo veñen as restantes firmas de cable, incluída a galega R, e, a continuación, as de ADSL, sendo Telefónica a que mellor valoración acada dentro deste grupo. “As velocidades de acceso a Internet do resto dos tres subministradores de desagregación de bucle (Orante, Jazztel, Ya.com e Tele 2) obteñen un claro suspenso”, engádese na investigación.

PUBLICIDADE