O buscador Google, demandado en Australia por non advertir ós usuarios das ligazóns comerciais

xoves, 12 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

Segundo un dos órganos que velan en Australia pola competencia xusta e o respecto ó consumidor, Google engana ós seus usuarios, e faino omitindo a identificación clara e manifesta das súas ligazóns publicitarias, permitindo que os internautas preman nelas pensando que se trata do produto da súa procura particular. Esta é a principal razón pola que a ACCC (siglas en inglés), a Comisión Australiana da Competencia e o Consumo, vén de demandar ó coñecido buscador perante a Corte Federal daquel país, que avaliará a acusación a partir do 21 de agosto.
Para a ACCC, Google infrinxe as leis sobre o comercio diluíndo as fronteiras que, ó seu xuízo, deberían diferenciar claramente o que é resultado dunha busca espontánea do que é proposta interesada. Pola súa parte, o xigante afirma que con esta actitude non comete infracción algunha, e que o proceso iniciado pola Comisión é un obstáculo contra todas as ferramentas de busca que operan en Internet e, en última instancia, contra as empresas que as empregan para petar na porta dos seus clientes.

PUBLICIDADE