O bus da formación dixital de Xeración D recala este 21 de xuño en Boiro (até o venres)

martes, 20 de xuño do 2023 S. P.

A partir deste mércores e até o venres 23 de xuño o espazo itinerante Únete a la Generación D, cada día somos más visitará a localidade de Boiro. Trátase dunha iniciativa abeirada ao catálogo de actuacións en materia de competencias dixitais do Pacto Pola Xeración D, da cal forma parte a Asociación Boirense de Empresarios (ABE). Previamente o itinerario fixo unha parada en Rianxo.
A unidade móbil estará situada diante do Concello, na praza de Galicia, e pode acudir calquera persoa que este interesada en mellorar as súas competencias dixitais.
Esta experiencia ofrece aos usuarios unha longa listaxe de de recursos e orientación para o sinxelo desenvolvemento dos seus coñecementos tecnolóxicos, aplicábeis a todos os ámbitos da vida tanto laborais como persoais. En concreto, os asistentes recibirán orientación e recursos de mellora no relativo a múltiples aspectos da vida diaria, como procuras en Internet, redes sociais, ciberseguridade, xestións en liña, etc...
Tecnoloxía inmersiva
A unidade móbil está equipada con tecnoloxía inmersiva que convida a participar nunha serie de actividades prácticas para fomentar e incentivar o desenvolvemento das competencias TIC. A visita comeza cun test autodiagnóstico que permite a cada visitante coñecer o seu nivel de madureza dixital, e con estes resultados as persoas participantes enfrontaranse a xogos e actividades do máis variado e de todos os niveis: dende aprender a realizar unha procura óptima na Internet ata fuxir das fake news, optimizar o uso das súas redes sociais ou xestionar a súa identidade dixital.
A ABE lembra que “estes resultados tamén serven para personalizar a experiencia e poñer a disposición dos asistentes mancheas de cursos, formacións ou obradoiros que se celebrarán noutras ocasións nas entidades adheridas ó pacto pola Xeración D”, como é o caso de ABE.
A quen vai dirixido?
Os obradoiros, xogos e actividades están pensados para que toda a cidadanía participe na experiencia, con especial atención a desempregados, mulleres maiores de 45 anos, séniors…
A experiencia é totalmente de balde e ten unha duración aproximada duns 30-40 minutos.
As persoas interesadas en asistir poden reservar a súa praza a través de www.abe.gal.
Motivación
O autobús contará cunha sala de escape na que os usuarios terán que poñer en práctica o aprendido se queren resolver o xogo e lograr saír da sala. Para aqueles que queiran aprender da man de formadores profesionais, nas unidades impartiranse obradoiros grupais e mesas redondas ao redor da actualidade dixital.
Achégase tamén, a xeito de elemento motivador, o engadido extra de acumular puntos: segundo o número de usuarios que interactúen no autobús, a localidade conseguirá posicionarse no posto número un da clasificación xeral de municipios de España. O municipio que máis puntos obteña terá premio.
Durante os meses de xuño e xullo os autobuses de Xeración D farán parada en horario de luns a xoves de 10.00 a 13:30h e de 17.00 a 20:30h, os venres e sábados de 10:00h a 13:00h e de 17.00 a 21:00h en:
– Santiago de Compostela
– Rianxo
– Boiro
– Carballo
– Santa Comba
– Arteixo
– Culleredo
– A Coruña
– Oleiros
– Sada
– Betanzos
– Fene
– Ferrol
– As Pontes de García Rodríguez

PUBLICIDADE