O bus da campaña itinerante Xeración D fai parada este luns en Rianxo (e logo en Boiro)

luns, 19 de xuño do 2023 S. P.

O autobús de Xeración D fai parada esta vindeira semana en Rianxo. Faino con xogos e actividades didácticas, totalmente gratuítos, que axudarán á veciñanza a potenciar a dixitalización e poñer freo á fenda dixital. O autobús parará en Setefogas os días 19 e 20 de xuño de 10 a 13.30 e de 17 a 20.30 h. A continuación (os días vindeiros) fará parada tamén en Boiro.
A frota de Xeración D, formada por seis autobuses, desprégase pola provincia da Coruña coa finalidade de desenvolver e mellorar as competencias dixitais da cidadanía, aprender a sacar partido das oportunidades da dixitalización e coñecer novas ferramentas. As persoas visitantes das diferentes unidades móbiles poderán poñer a proba os seus coñecementos na materia a través dunha experiencia dixital inmersiva.
Tocaranse temas como os buscadores da Internet, as redes sociais, a ciberseguridade ou as xestións online, todo ilustrado a través dunha manchea de recursos e orientación para o sinxelo desenvolvemento das competencias dixitais. As actividades son totalmente gratuítas e teñen unha duración aproximada duns 30 – 40 minutos.
O interior da unidade móbil está equipado con tecnoloxía inmersiva que convida a participar nunha serie de actividades prácticas para fomentar e incentivar o desenvolvemento das competencias dixitais. “A experiencia”, explican dende, “é completamente personalizada e axústase ás necesidades de cada usuario, por iso o visitante comezará enfrontándose a un test autodiagnóstico que permitirá coñecer o seu nivel de coñecemento dixital para despois superar xogos e actividades variadas e de todos os niveis: desde aprender a realizar unha procura óptima na internet ata fuxir das fake news, optimizar o uso das redes sociais ou xestionar a túa identidade dixital”.
Ademais, o autobús contará cunha sala de escape na que os usuarios terán que poñer en práctica o aprendido se queren resolver o xogo e lograr saír da sala. Para aqueles que queiran aprender da man de formadores profesionais, nas unidades impartiranse obradoiros grupais e mesas redondas ao redor da actualidade dixital.
Achégase tamén, a xeito de elemento motivador, o engadido extra de acumular puntos: segundo o número de usuarios que interactúen no autobús, a localidade conseguirá posicionarse no posto número un da clasificación xeral de municipios de España. O municipio que máis puntos obteña terá premio.
Durante os meses de xuño e xullo os autobuses de Xeración D farán parada en horario de luns a xoves de 10.00 a 13:30h e de 17.00 a 20:30h, os venres e sábados de 10:00h a 13:00h e de 17.00 a 21:00h en:
– Santiago de Compostela
– Rianxo
– Boiro
– Carballo
– Santa Comba
– Arteixo
– Culleredo
– A Coruña
– Oleiros
– Sada
– Betanzos
– Fene
– Ferrol
– As Pontes de García Rodríguez

PUBLICIDADE