O borrado de YouTube dun vídeo dun bebé bailando chama a atención sobre os abusos do copyright

martes, 30 de outubro do 2007 Marcus Fernández

A loita polos dereitos de reprodución de produtos audiovisuais pode ocasionar situacións ridículas cando se leva ó extremo, e como exemplo temo o caso dunha nai norteamericana que se ofendeu ó ver que a discográfica Universal forzara a eliminación dun vídeo do seu bebé de YouTube porque aparecía bailando mentres soaba de fondo a canción Let’s Go Crazy de Prince. A muller volveu a subir o vídeo á Internet e pediu o asesoramento do grupo de activistas da Fundación Fronteiras Electrónicas (EFF) para demandar á discográfica por eliminar o vídeo doméstico da web.


Vídeo do bebé bailando

Stephanie Lenz veu como un vídeo do seu fillo Holden, de 18 meses, que só recibira a atención de amigos e parentes (cun total de 28 visualización) sufría o borrado de YouTube a petición de Universal Music Publishing Group advertíndoa de que infrinxir o copyright no futuro podería levar á cancelación da súa conta de usuaria en YouTube. Tal situación, en vez de atemorizar á muller de Penssylvania, anoxouna, xa que consideraba que non fixera nada malo e engadiu que non lle gustaba sentir que podería meterse en problemas «por publicar un vídeo doméstico para que o viran os seus amigos e familiares».
Fronteiras Electrónicas está agora a denunciar o abuso que fai a Universal da lei que protexe os dereitos de copia na Internet nos EE.UU. (DMCA), e expoñen o absurdo que supón a solicitude da discográfica ó pedir que se retirase un vídeo porque se podía escoitar un tema de Prince de fondo (e apenas perceptible).
YouTube, pola súa banda, permanece a un lado do conflito, e un voceiro da compañía asegurou que están obrigados a cumprir coas esixencias das discográficas por mor da DMCA, de xeito que só son unha ferramenta na publicación de vídeos na web (e non xuíces).

PUBLICIDADE