O bo uso do GPS na actividade física, polo miúdo nun curso da Fundación USC Deportiva

martes, 18 de febreiro do 2014 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía GPS (Sistema de Posicionamento Global, Global Positioning System) é sen lugar a dúbida un dos grandes inventos do noso tempo. Non só permite saber o emprazamento exacto dun obxecto, persoa ou vehículo senón que, en base a iso, axuda a evitar que nos extraviemos, axiliza as buscas que poidamos realizar nun contexto físico, permite unha máxima eficacia nas emerxencias de calquera índole e, ademais, abre unha marxe ben ampla para a actividade lúdica e cultural. Dar conta de todo isto, facendo fincapé nas aplicacións no plano da actividade física, é o obxectivo dun curso que se celebra a finais de marzo da man da Fundación Universidade de Santiago. A intención é axudar aos participantes a “obter o máximo rendemento do dispositivo”.
Meténdonos no miolo do curso, sinalar que dará acubillo a unha sesión teórica, introdutoria, e a partir de aí realizaranse probas de campo e unha sesión interactiva que servirá para avaliar os resultados obtidos nas probas exteriores. Trátase dunha iniciativa incluída na área de formación da Fundación USC Deportiva que impartirá Javier Aradas. O prezo da actividade é de 38 euros ou 43 euros incluída a comida e admitirán ata un máximo de 10 persoas e un mínimo de 6.
“Os obxectivos que se perseguen”, informa a USC, “son a adquisición dos conceptos básicos para o coñecemento e bo uso do dispositivo GPS, o que axudará a valorar e interpretar os resultados obtidos mediante as diferentes alternativas que ofrecen os distintos software e utilidades”. Os contidos do curso tratarán sobre nocións e fundamentos básicos, tipos e modelos de receptores, interpretación dos datos, cartografía, comunicacións, software, probas de campo e aplicacións. A actividade celebrarase o 29 de marzo na Aula de Formación da Biblioteca Concepción Arenal cunha carga lectiva de 10 horas. As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse ao enderezo web www.fundacionuscdeportiva.org ou http://goo.gl/ub7m0U.

PUBLICIDADE