O blog do Gourmet do Provincias, finalista nos premios da AUI

mércores, 25 de abril do 2007 Raquel Noya

Hai presenza galega entre os finalistas da décima edición dos premios da Asociación de Usuarios de Internet ás mellores webs do estado español. Falamos do Diario de Gourmet de Provincias y su Perro Gastrónomo, caderno web mantido dende a nosa terra e que xira sobre todo arredor da cociña (non só a galega) como tema principal (e canle de comunicación de primeira orde), pero tamén en torno a outras cuestións que teñen moito que ver entre si: as viaxes, os libros, a música, a arte ou a arqueoloxía. Por certo que o blog opta na categoría de Mellor Web Persoal.
Polo que respecta ó resto dos nomeados e das modalidades, cómpre sinalar que probablemente sexa a categoría Mellor Web Española a que máis atención dos medios e dos internautas semella acaparar, sendo os sites que referimos de seguido os que van escoitar finalmente os tambores de fondo entre traxes de gala e alfombras vermellas, sendo un unicamente o elixido: a web oficial de Turismo Valencia, Mayormente.com, Asturias Natural, ADSL Ayuda, Creación de Empresas, Repsolypf.com, Ciudad Sorda Virtual, Educaweb.com e Portal Turismo rural Tenerife.
Como dixemos, os galardóns que outorga a Asociación de Usuarios de Internet van xa pola décima edición e semellan ir acadando con cada ano un aquel de máis prestixio, sobre todo debido ó elevado nivel das webs candidatas. A Asociación tamén premia á Mellor Empresa Española, ó Mellor Xornalista, á Mellor Web de Lecer, ó Mellor Municipio. Asemade, inclúe o dito galardón á Mellor Web Persoal, onde, amais do blog galego do que falamos, concorren outros dez cadernos seleccionados polos internautas na web da AUI: Almudena Cid, El último Carretero, Futuros Policías, Literatura de tradición oral..., Mabelramos.com, María-Innova.com, Pluks, Carlos Polo e a Real Sociedade.
O vindeiro 9 de maio anunciaranse os tres finalistas de cada categoría e o 14, coincidindo co primeiro día do Congreso Mundo Internet 2007, entregaranse os galardóns en Málaga.

PUBLICIDADE