O beneficio neto de Google medra nun 5% no primeiro semestre

venres, 18 de xullo do 2014 Redacción

A compañía Google vén de dar a coñecer as súas contas recentes. En termos xerais, o xigante do buscador do mesmo nome obtivo un beneficio neto de 6.874 millóns de dólares (5.082 millóns de euros) no primeiro semestre de 2014. Isto significa un medre do 5% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Ademais, foi quen de ingresar 31.375 millóns de dólares, un 20 % máis que hai un ano. No que atinxe ás cifras trimestrais, Google foi quen de obter 3.422 millóns de dólares entre o mes de abril e o de xuño. En relación ao acadado neste mesmo período en 2013, teriamos un medre do 6%.
A pregunta que nos podemos facer agora é: como é posíbel que a compañía do buscador non tocase fondo e siga mergullada neste proceso de moderado crecemento nun panorama xeral onde outros compañeiros de viaxe igual de potentes están en pleno proceso de redistribución-reconversión (o caso de Microsoft, do que falamos onte polo miúdo)? A resposta a isto está en boa medida nos seus esforzos en materia de rendibilizar a publicidade. Segundo cifras achegadas a este respecto polo portal eMarketer, este ano en curso a empresa dará acubillo a máis da terceira parte de todo o diñeiro investido en publicidade en Internet.
Porén, os analistas indican que os beneficios aínda puideron ser mellores (quedaron por debaixo do previsto) e a diferenza entre o ingresado e o gañado por Google no último trimestre débese sobre todo aos gastos derivados en proxectos de I+D como as súas gafas Google Glass ou o automóbil que é quen de moverse sen condutor.
Para a compañía, con todo, as cifras non poden ser mellores e así o interpreta Patrick Pichette, conselleiro financeiro da compañía, no comunicado amosado onte: “O excelente intre polo que pasan os nosos produtos está a dirixirnos cara adiante, e estamos entusiasmados para seguir provendo experiencias incríbeis aos usuarios coa vista posta no longo prazo”. A empresa tamén deu a entender de onde lle veñen estas cifras: no pasado trimestre, o 69% do total de ingresos da compañía proveu de produtos propiedade da propia empresa, mentres que o 21% restante foi xerado por produtos de empresas asociadas a Google.

PUBLICIDADE