O bacharelato STEM implántase este curso en 14 centros da nosa terra

xoves, 2 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Finalmente o Goberno galego confirma que un total de 14 centros educativos galegos estrearán este curso vindeiro o STEMbach, o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía. A medida, impulsada pola Consellería de Cultura e Educación (ao abeiro da estratexia Edudixital 2020), diríxese a afianzar e impulsar o ensino tecnolóxico-dixital baseado nas catro patas da mesa STEM: Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. No punto de mira están as posibilidades laborais, profesionais, comunicativas creativas e de emprendemento que abre (e abrirá) este tipo de formación.
Dos 14 centros nos que arrinca a iniciativa (que os converte en “institutos referentes” á hora de implantar este proxecto), seis son da provincia da Coruña, catro de Pontevedra, tres de Lugo e un de Ourense. Trátase do CPR Plurilingüe Compañía de María (A Coruña), o IES Agra do Orzán (A Coruña, o IES Sofía Casanova (Ferrol), IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago), o IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago), IES María Casares (Oleiros), IES Lucus Augusti (Lugo), o IES Nosa Sra. Dos Ollos Grandes (Lugo), o IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), o IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), o IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín), o IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña), o IES República Oriental de Uruguay (Vigo), o IES A Sangriña (A Guarda).
Segundo indica a Consellería, o STEMbach é unha opción formativa concibida para Humanidades ou para Ciencias e, ademais, será en si mesma unha ponte co ensino universitario e un adestramento de cara ao que lles agarda aos estudantes ao remate do bacharelato. De feito, o devandito proxecto a defender forma parte deste adestramento. Semellante ao traballo de fin de grao, o proxecto será co-dirixido por unha persoa docente pertencente a un departamento universitario ou a un centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG).
A Consellería tamén explica que o alumnado cursará algunha materia extracurricular semanal relacionada co ámbito de materias STEM e “cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais”. Esta materia terá unha carga lectiva semanal de 2 ou 3 horas fóra do horario ordinario do alumnado. Así mesmo, os estudantes farán actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades ou entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia; como conferencias, obradoiros ou proxectos.
O alumnado recibirá ao remate unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.
Outra das novas accións STEM é a creación dos Espazos Maker, en palabras da Consellería “lugares nos propios centros educativos que fomentan a creatividade do alumnado baixo a máxima de aprender facendo”. Estes espazos incluirán equipamento específico e unha achega económica e estarán destinados a alumando, profesorado e mesmo familias para que “poidan desenvolver proxectos mediante a experimentación”. Nesta primeira convocatoria búscase chegar a 10 centros educativos, aos que se fornecerá do equipamento necesario, así como dunha achega individual de 2.000 euros.
Ao devandito cómpre engadir a Semana STEM, que se vai celebrar entre finais de agosto e principios de setembro de 2018, e tamén o primeiro campamento científico-tecnolóxico en inglés: a STEMweek, na que poderán participar 200 alumnos de 3º e 4º de ESO. Estas 200 prazas súmanse ás 450 deste ano da Semana STEM. co cal un total de 650 rapaces e rapazas poderán mellorar os seus coñecementos científico-tecnolóxicos en campamentos fóra do horario lectivo.

PUBLICIDADE