O apagamento analóxico achegará novas canles de televisión

martes, 15 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Cadro de posibles canles publicado hai uns meses por MundoPlus

O apagamento analóxico non só suporá un punto de non retorno para a televisión en España, senón que deixará un espazo radioeléctrico libre que repartirase entre novas canles televisivas e servizos de banda larga sen fíos, e dentro dos primeiros dende Televisión Española van ampliar a súa oferta de canles, quedando con 8 programas que serán La 1, La 2, Canal 24 Horas, Clan TVE, Teledeporte, Cultura.es (nome provisorio da canle), TVE HD (que emitirá en alta definición) e TVE Internacional, de xeito que os contidos das canles Docu TVE e Canal Clásico integraranse nas novas canles de Cultura.es e alta definición.
Dende a Corporación RTVE tamén aseguran que ampliarán as súas horas de emisión, chegando a 39.751 horas en primeira emisión e con 32.609 horas en redifusión (normalmente en horarios de menor audiencia).
Pero TVE non será a única que ampliará a súa oferta de programas, e agárdase que Antena 3 lance unha nova canle en aberto (actualmente emite unha chamada Ver-T en Madrid) e incluso unha canle de pagamento en alta definición, mentres que Telecinco tamén podería facer algo semellante, podendo incluso retomar unha canle deportiva.
Cuatro tamén podería lanzar unha nova canle, posiblemente de pagamento, para explotar as series de ficción das que teñen os correspondentes dereitos de emisión.
Tampouco podemos descargar que volvan canles coma Hogar 10 (de La Sexta) ou Fly Music (de Net TV).
Do que non hai dúbidas é que 2010 será o ano no que as compañías incrementen o uso do formato panorámico e da alta definición, adaptándose así ao parque de televisores actual, xa que na actualidade os televisores 4:3 están practicamente desaparecidos dos establecementos comerciais, polo que resulta lamentable que a meirande parte das canles continúen a emitir en formatos optimizados para un tipo de pantalla que poderiamos considerar obsoleta.

PUBLICIDADE