O ano que vén teremos cambios de frecuencias na TDT

luns, 2 de xullo do 2018 Marcus Fernández

En 2015 completouse o proceso de liberación do Dividendo Dixital, no que as frecuencias da Televisión Dixital Terrestre (TDT) tiveron que reordenarse facilitar que a banda dos 800 MHz pasase a empregarse por parte da telefonía móbil 4G, estando previsto que de cara a 2020 se repita unha actuación semellante coa banda dos 700 MHz, que tamén pasaría a empregarse para servizos de telecomunicacións, e finalmente o Ministerio de Economía e Empresa publico o itinerario para a liberación deste segundo dividendo dixital.
O proceso de liberación da banda dos 700 MHz terá que culminarse antes do 20 de xuño de 2020 a nivel europeo, facilitando así a implantación das futuras redes móbiles 5G, para o que aprobarase un novo Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre, para así manter as capacidades actuais da TDT como mínimo até 2030.
As canles de TDT que emitan na banda dos 700 MHz terán que mudar de frecuencia entre xaneiro de 2019 e marzo de 2020, o que debería levar a unha resintonización de canles, que en Galicia tería un impacto bastante desigual, xa que actualmente na provincia da Coruña non hai ningunha emisión en tal banda, mentres que nas outras tres provincias incluirían a algúns dos programas de maior audiencia (de feito, a TVG emitiría nas frecuencia afectadas nas 3 provincias).
O itinerario de liberación do segundo dividendo dixital indica que o plan técnico que aprobarase a finais de ano establecerá as condicións deste proceso de liberación, indicando se será posible realizar emisións en 4K, os prazos nos que as canles terán que emitir de xeito simultáneos nas novas e nas vellas frecuencias, as campañas de información sobre os cambios do TDT e tamén liñas de axudas para a adaptación correspondente.
Temos así que a finais de ano aprobarase o Plan Técnico Nacional da TDT, en xaneiro comezarán as emisións nas novas frecuencias, iniciando un proceso de antenización de 15 meses de duración para que en marzo de 2020 comecen os apagamentos de emisións na banda dos 700 MHz, de xeito que a partires do 30 xuño de 2020 poderán comezar a ofrecerse servizos de comunicacións móbiles a través de 5G nas frecuencias liberadas.

Calendario para a liberación da banda dos 700 MHz

PUBLICIDADE