O alumnado galego dispón de programas específicos para o impulso das vocacións científico-tecnolóxicas

venres, 7 de febreiro do 2020 Redacción

No acto de entrega da III edición do Premio Stephen Hawking a investigadores mozos que promove o IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela) e que desta vez tiña como eixo temático de desenvolvemento de proxectos a exploración, e a Teresa Rodrigo, física do Comité de Política Científica do Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN) como referente e motivación, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, salientou o compromiso do seu departamento coa promoción das vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado galego mediante o deseño de programas específicos que lles faciliten a incorporación e adaptación ás ensinanzas universitarias, e incorporando a perspectiva de xénero.
Este galardón foi creado co obxectivo de difundir a cultura científica entre o alumnado, recoñecendo os mellores traballos de investigación e divulgación científica realizados por estudantes de 4º curso de ESO e de Bacharelato de centros escolares de toda Galicia.
Na súa intervención, a conselleira Carmen Pomar, ademais de felicitar aos galardoados e aos 24 equipos finalistas desta edición, subliñou que este tipo de actos están na liña da aposta da Consellería de Educación por promover as vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado, «en conexión coas universidades, e tendo en conta a perspectiva de xénero».
Este é o principal obxectivo da Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020, ao abeiro da cal a Consellería de Educación está executando un paquete de medidas nesta liña como o STEMBach, o Bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxía, que neste curso teñen incorporado 31 centros escolares de toda Galicia que suman 560 alumnos; a introdución de Robótica en Primaria (con kits que chegan a un total de 178 centros públicos); os Clubs de Ciencia (119 centros neste curso); os Espazos Maker (implantado en 20 centros), o campamento científico-tecnolóxico en inglés (STEMweek) e a Semana STEM.

PUBLICIDADE