O alumnado do Grao de Terapia Ocupacional da UDC coñeceu o traballo do CITIC

martes, 24 de decembro do 2019 Redacción

O pasado martes 17 de decembro a sede do Centro de Investigación TIC (CITIC) no Campus de Elviña da Coruña recibiu a un grupo de alumnos e alumnas do Grao de Terapia Ocupacional da UDC, que coñeceron de primeira man as liñas de investigación do centro en colaboración con diferentes entidades que representan a persoas con diversidades funcionais e motrices.
Logo dunha presentación por parte do subdirector Javier Pereira e a investigadora Thais Pousada, os visitantes puideron realizar impresións en 3D de férulas e produtos de apoio, ademais de probar as posibilidades do uso da Realidade Virtual como medio de rehabilitación e lecer.
Tamén tiveron a oportunidade de aplicar os seus coñecementos en programación básica para configurar actividades de interacción con robots.
Segundo informan fontes do CITIC, esta aplicación práctica da súa formación TIC permitiu non só afianzar as competencias profesionais destes estudantes de 2º de Terapia Ocupacional, senón tamén achegalos á investigación centrada nas persoas, e a como o TIC son un medio eficaz e válido para a promoción da saúde e calidade de vida.

PUBLICIDADE