O alumnado de ensino obrigatorio terá formación en robótica e programación no curso 2020/21

xoves, 14 de setembro do 2017 Redacción

Alberto Núñez Feijoo avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello da Xunta que a Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, terá como obxectivos centrais que no curso 2020/21 todo o alumnado do ensino obrigatorio teña acceso a formación en robótica e programación; así como acabar coa fenda de xénero nos estudos STEM, isto é, de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas.
Entre as principais medidas que se van implantar para acadar este dobre obxectivo, Feijoo destacou as seguintes: a extensión dos kits de robótica a todos os centros de ensino obrigatorio, a creación do bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, a posta en marcha dos Espazos Maker como zonas de creación científica e a mellora do sistema de libro dixital, con máis centros, mellor conectividade, mellores equipamentos e mellores contidos.
Nesta liña, lembrou que nos últimos cursos foron incorporándose aos currículos novas materias de libre configuración autonómica como Robótica, Programación ou Identidade dixital, que debuta este curso. Paralelamente, durante o curso pasado repartíronse kits de robótica, programación e impresión 3D en todos os centros de secundaria. Deste xeito, hoxe xa hai 12.000 alumnos implicados nalgunha acción de formación científico-tecnolóxica e máis de 750 kits de robótica despregados.
Como primeira grande medida do plan, o presidente da Xunta explicou que durante o ano académico que está comezando se levarán os kits de robótica a 120 centros de primaria e se ofrecerá ao profesorado un plan de formación específico para coñecer mellor estes novos recursos.
«O obxectivo, no horizonte 2020/21, é que todos os centros de primaria dispoñan de kits de robótica e programación, para que os galegos desde a primaria aprendan a destreza nestas disciplinas», incidiu o presidente da Xunta.

Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía

En relación á segunda gran iniciativa: a posta en marcha do bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, o presidente precisou que os mozos que o cursen terán unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, dedicada a afondar no seu coñecemento sobre as materias STEM.
«En lugar de 32 horas lectivas, pasarán a ter 34 ou 35, ademais de participación en charlas, obradoiros ou cursos», aseverou, ao que engadiu que o alumnado deberá realizar, ao longo de dous cursos, un traballo de investigación semellante aos traballos de fin de grao e deberán facer unha defensa pública do proxecto, que será avaliado por unha comisión.
Ao final da etapa, os alumnos recibirán unha certificación na que se acredite que realizaron este bacharelato de excelencia. O obxectivo é que, no curso 2020/21, Galicia conte con 20 centros de ensino secundario con bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía.

Espazos Maker e libro dixital

Esta estratexia para a educación dixital integra tamén o desenvolvemento dos Espazos Maker, zonas con equipamento específico dedicadas a fomentar a creatividade e a innovación da mocidade. Estímase que desta iniciativa se beneficien 300 centros no horizonte 2020/21.
Con respecto ao cuarto eixo do plan, prevese estender o libro dixital a 300 centros e a máis de 20.000 alumnos no curso 2020/21, contando con dúas novidades: un módulo específico nos plans de convivencia para traballar a identidade dixital e prever condutas negativas en Internet e premios individuais á creatividade en contornas dixitais vinculados aos proxectos dos centros.

Rede de centros eSTEM.gal

Ademais destes catro grandes eixos, a estratexia tamén incorpora outras novidades como a a creación da rede de centros eSTEM.gal, que aglutinará aqueles centros cunha especial motivación polo desenvolvemento científico-tecnolóxico, permitíndolles compartir as boas prácticas e crear comunidades de interese.
Coa previsión de sumar 100 centros a esta rede no horizonte 2020/21, os que se integren na rede partirán con beneficios á hora de participar en proxectos de innovación educativa.

Máis formación

Así mesmo, para os alumnos cunha gran vocación científica, esta estratexia abre tamén a posibilidade de que poidan ir formarse uns meses a outro centro educativo, nacional ou estranxeiro.
Tamén orientado aos científicos en potencia, este curso comezarase a celebrar a Semana STEM, que brindará de xeito gratuíto a 300 alumnos unha inmersión lúdica nos ámbitos vinculados coa robótica, programación o pensamento computacional ou as tres dimensións.
Ademais, a Estratexia ambiciona multiplicar por 20 o número de clubs de ciencia que hai no ensino público galego, pasando dos 10 do curso pasado a 200 dentro de tres cursos.
No tocante á formación do profesorado, Feijoo afirmou que, ao igual que ocorre co plurilingüismo, se porá á disposición dos docentes máis de 10.000 prazas de formación específica, para garantir a mellor calidade no ensino.

PUBLICIDADE