O alumnado de Belas Artes de Pontevedra somérxese na realidade virtual
venres, 17 de novembro do 2017
Esta semana o
alumnado de Belas Artes do Campus de Pontevedra (UVigo) tivo ocasión
de participar nunha experiencia de realidade virtual, reconstrución
en 3D e vídeo en 360 graos. No obradoiro, impartido polo
ex-estudante da Facultade e director do estudo Máxima, Carlos Seijo,
brindóuselles aos estudantes (a través do emprego dun capacete
específico, o casco HTC Vive) a posibilidade de facer cousas nunca
imaxinadas, como por exemplo visitar in situ o estudo do artista
Francis Bacon. A experiencia, impulsada pola profesora Sol Alonso,
inseriuse no programa de formación extracurricular da facultade e
xuntou alumnado da materia Proxectos
videográficos e
estudantes de mestrado e doutoramento. Como dixemos, os participantes
tiveron ocasión de empregar o casco HTC Vive, un dispositivo que, a
través do uso de dúas estacións de recoñecemento que rexistran o
movemento do usuario, permítenlle moverse en tempo real por un
espazo en 3D.
A cita virtual tivo un precedente nunha xeira de
traballo celebrada a semana pasada. Nela, Seijo procurou achegar ao
alumnado unha visión introdutoria das diferentes iniciativas que se
están a levar a cabo no eido da realidade aumentada, “aquela que
engade a unha contorna real outra serie de contidos que non se atopan
nese lugar”, así como a outra serie de experiencias “como, por
exemplo proxectos, que se están a facer no mundo da arte con
hologramas”, sinalou.
- O egresado e responsábel do obradoiro, Carlos Seijo
Na sesión deste martes era a quenda de pór o foco no propio mundo da realidade virtual, un dos grandes eidos de traballo de Carlos Seijo como profesional, e un dos ámbitos principais de investigación e desenvolvemento de multinacionais punteiras como Google, Samsung, Facebook ou HTC. Segundo fixo saber, as ditas tecnoloxías teñen un amplo potencial ao abeiro dos equipos de creatividade formados en Belas Artes, titulados e tituladas “que incorporan na súa aprendizaxe unha serie de contidos que teñen que ver con ter pensado na arte”.