O alumnado da nosa terra xa pode inscribirse en EficienTIC 2013, dirixido a promover o sostíbel no eido tecnolóxico

xoves, 13 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

O prazo de solicitude para participar nas xornadas do programa para 2013 de EficienTIC xa está aberto, segundo informou o centro Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia), impulsor desta iniciativa xunto con EnergyLab (Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética). Como lembraremos, EficienTIC é un programa de actividades para o alumnado galego de ESO e de Bacharelato, e preséntase baixo un epígrafe, O ataque do móbil pataca!, que convida a que se teña en conta que as novas tecnoloxías fican obsoletas co uso e o paso do tempo e que cómpre pórse en marcha para evitalo. Dende EficienTIC apóstase, neste senso, por tirar partido da capacidade de inventiva e desenvolvemento (moi alta) da nosa mocidade para facer que a tecnoloxía siga a ser rendíbel sen necesidade de desbotala. Ou sexa, apóstase pola eficiencia e polo sostíbel.
Por certo que os adestramentos, neste senso, desenvolveranse no edificio de CITEXVI (sede dos dous centros organizadores), no mes de febreiro (días 19, 21, 26 e 28) e en marzo (días 5, 7, 12 e 14) do vindeiro ano.
Máis polo miúdo, e segundo nolo explican Gradiant e EnergyLab, o proxecto de divulgación científica EficienTIC consiste nun conxunto de actividades e obradoiros dirixidos aos escolares de ESO e Bacharelato dos institutos galegos, co obxecto de difundir os conceptos básicos e as tecnoloxías máis innovadoras das áreas nas que traballan os ditos centros, que son as áreas da eficiencia enerxética e das TIC.
Como dixemos, estes dous espazos de I+D sitúanse no edificio CITEXVI (Cidade Tecnolóxica de Vigo), entidade xestora do Parque Científico e Tecnolóxico da Universidade de Vigo, arestora un dos edificios que máis salienta no eido estatal por ter apostado por esixentes criterios bioclimáticos e polo emprego das enerxías renovábeis.
Programa para febreiro e marzo
10.00 horas
Charla para introducir os aspectos fundamentais sobre as TIC e a Eficiencia
Enerxética e actividades iniciais:
· Explicación sobre criterios bioclimáticos do edificio a través de imaxes de CITEXVI (orientación, lamas, etc.) así como as instalacións térmicas que ten (bomba de calor xeotérmica, chan radiante, paneis solares, etc.).
· Myth busters. Esta actividade consiste en explicar falsos mitos da enerxía. É verdade que un coche en punto morto consume menos? A eficiencia enerxética é cara?
. Telefonía Móbil. Con esta actividade preténdese destacar a importancia da reciclaxe e a contaminación producida por estes dispositivos electrónicos. Para iso exporanse teléfonos dos últimos 10 anos coas súas distintas placas nais, cos seus correspondentes condensadores de tántalo, tirado do mineral coltan, cuxa industria comercial promove multitude de guerras en África, en zonas de interese estratéxico.
· Tubo de Luz. Nesta actividade amósase unha bufarda tubular que é un equipo que permite iluminar pequenos e grandes espazos con luz natural. Este dispositivo aforra enerxía grazas á utilización dunha avanzada tecnoloxía que transporta a máxima cantidade de luz solar desde o exterior ate o interior das estancias.
· Maqueta de iluminación. Con este panel composto por diferentes tipos de luminarias (incandescentes, LEDS, etc.) e un medidor de consumo, os alumnos poden observar as distintas tipoloxías de iluminación que existen e o seu consumo. Tamén se explicará a etiquetaxe enerxética.
11.00 – 13.00 horas
Obradoiros
· Xeración de enerxía pedaleando
Neste obradoiro comprobarase como o movemento corporal permite a xeración eléctrica abonda como para xogar e competir. Para isto disporase das seguintes montaxes: Scalextric, indicador de Leds e cargador de móbil.
· Illamento. Co obxecto de que os alumnos poidan ver a importancia do material usado no illamento para a redución dos consumos enerxéticos dunha vivenda, mediante o uso dunha cámara termográfica, estufas e distintos tipos de ladrillos e materiais de illamento, os alumnos construirán distintos tipos de paredes e verán a transmisión de calor das mesmas coa cámara.
· Recoñecemento facial e consellos de aforro no consumo de computadores. Con este taller preséntanse as tecnoloxías de recoñecemento facial e procesado de imaxe e a súa aplicación para o aforro de enerxía. Ademais falarase do consumo de enerxía dos computadores e de conceptos para conseguir o aforro dos mesmos: etiquetas enerxéticas, hábitos de consumo, software, configuración, etc.
· Hidróxeno para mobilidade. A través desta actividade os alumnos poderán ver como a partir da luz e o vento xérase hidróxeno e usando o mesmo, xerarase mobilidade. Coa explicación do monitor, os alumnos deberán montar eles mesmos un sistema de xeración de hidróxeno e o resto das partes necesarias para o funcionamento do prototipo exposto.
· Energy Harvesting. Nesta actividade os alumnos verán como se pode usar a calor botada a perder por unha vela (da orde de 100 KW) para producir corrente, que será utilizada para acender un moderno LED de potencia de alta eficiencia e unha radio. Os alumnos interactuarán coa montaxe desta actividade.
· Xeración de enerxía a partir de cambios de temperaturas. Faranse dúas actividades, unha que permitirá ao alumno xerar electricidade con auga quente/fría para a alimentación de LED de cor vermella/azul e outra que permitirá alimentar un aparello eléctrico grazas á calor que xera unha persoa.
· Auditoría Enerxética. Explicaráselles aos alumnos a forma de realizar unha auditoría enerxética básica nos seus fogares, para que posteriormente sexa realizada xunto aos seus profesores, e así poder obter consumos reais e aplicar medidas eficientes coas que diminuír o consumo.

PUBLICIDADE