O almacenamento na nube de Amazon estrea plans de capacidade ilimitada

venres, 27 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos meses os servizos de almacenamento na nube entraron nunha carreira por ver quen ofrecía máis capacidade por un menor prezo, con Google e Microsoft superando amplamente a Dropbox, pero agora entra nesta competición Amazon cun servizo realmente revolucionario, xa que Amazon Cloud Drive ofrece dous novos plans de almacenamento que permitirán almacenamento ilimitado en función do tipo de contido que vaiamos gardar.
Por 11,99 dólares/ano teríamos o Unlimited Photos Plan, que permitiría almacenar en Cloud Drive un número ilimitado de fotografías, de xeito que non teriamos que preocuparnos de quedar sen espazo en dispositivos móbiles, cámaras e outros dispositivos, incluíndo tamén 5 GB adicionais para poder gardar vídeos e outros documentos.
Máis revolucionario sería o Unlimited Everything Plan, que por 59,99 dólares/ano ofrece almacenamento ilimitado en Cloud Drive, para calquera tipo de documentos, o que permitiría ter unha copia de todos os nosos contidos, resultando ideal tanto para o seu almacenamento masivo como para facer de copia de seguridade.
Estes novos plans contan cun período de proba de 3 meses de balde, ideal para comprobar se pode adaptarse ás nosas necesidades. Tamén temos que lembrar que Cloud Drive está dispoñible tanto a través da web como de aplicación de escritorio (para Windows e OS X), para smartphones e tabletas (iOS e Android) e incluso para televisores (aparte do dispositivo Fire TV tamén conta con aplicacións para PS3, PS4 e numerosos televisores de LG e Samsung). Deste xeito non só temos a posibilidade de copiar os contidos que teñamos en diversos dispositivos, senón que tamén se nos facilita o seu acceso, de xeito que podemos ver a nosa colección completa de fotografías en calquera momento e lugar, así como acceder aos nosos documentos cando sexa preciso.

PUBLICIDADE