O alcalde de Ourense recibe o recoñecemento de Google pola aposta da cidade a prol do dixital

venres, 20 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Tal e como avanzamos esta semana, Ourense é xa por dereito propio algo máis que unha cidade real. Trátase dunha cidade dixital, referencia para quen veña detrás e exemplo de boas prácticas no que se refire á creación de todas aquelas cousas que contribúen a que as empresas TIC se afiancen e as ferramentas de ecommerce e promoción se usen máis e mellor. Isto non o dicimos nós senón o buscador Google, que vén de distinguir á urbe galega co seu Premio Cidade Dixital, un galardón co que se recoñece o labor de aqueles espazos urbanos nos que se aposte firmemente pola tecnoloxía.
O premio foi recollido este xoves polo alcalde, Francisco Rodríguez, quen amosou o agradecemento da cidade das Burgas polo recoñecemento outorgado, xa que“constitúe un premio para todas as iniciativas e o esforzo que dende o Concello de Ourense se teñen levado a cabo en materia de novas tecnoloxías ao longo dos últimos anos”. Accións, sinalou, como por exemplo a integración da rede de acceso a Internet de balde Ourense Wi-Fi, ou, tamén, o desenvolvemento do Centro de Iniciativas Empresariais, que “crearon un contexto ben positivo para a creación e consolidación de pequenas e medianas empresas na cidade e máis para a súa plena actividade nas actividades comerciais en liña”.
Para Javier Rodríguez Zapatero, director xeral de Google España, Portugal e Turquía, a Rede contribúe moito ao medre económico e do PIB,” unha achega que seguirá aumentando no futuro”, dixo no transcurso do acto da entrega do premio. E proseguiu: “Cos Premios Google Cidade Dixital quixemos recoñecer e premiar aquelas cidades cuxas empresas pequenas lideran o comercio electrónico en España e que entenden a Rede como unha ferramenta clave para o desenvolvemento do negocio e o incremento das vendas”.
Para a concesión destas distincións, o buscador tivo en conta aquelas urbes cuxas PEME teñan maior presenza na Rede e onde o crecemento no emprego de AdWords3 fose maior durante un ano, máis en detalle de novembro de 2010 a novembro de 2011. No caso da cidade galega, o incremento de Google AdWords no devandito período foi do 62%.
Como exemplo deste aproveitamento da oportunidade comercial-tecnolóxica achegada polas cidades dixitais, Google citou o caso do establecemento Lar das Pías, unha casa se turismo rural emprazada nos arredores de Allariz, a 15 minutos de Ourense, que usa o Google AdWords dende 2006 co obxectivo de darse a coñecer perante o mundo. Dende Lar das Pías, unha iniciativa de rehabilitación e posta en valor cultural e empresarial (levada a cabo para a preservación dun patrimonio familiar), empréganse as redes sobre todo para achegar información de tarifas e facilitar reservas e outras operacións, conseguíndose ao cabo do tempo un importante incremento nas estancias na casa rural. A xuízo das propietarias deste establecemento, AdWords permitiulles entre outras cousas darse a coñecer fóra da provincia de Ourense.
Amais desta ferramenta de Google, o acto de entrega do premio tamén serviu para dar a coñecer as vantaxes de Conecta o Teu Negocio, un servizo de Google que ten como obxectivo axudar ás pequenas e medianas empresas, e máis a emprendedores, a ter máis presenza na Web. “Dende a súa posta en marcha en febreiro de 2011”, informaron os responsábeis do dito buscador, “máis de 24.500 PEME crearon o seu sitio web propio, das que un 4,6% procederon de Galicia”. Este ano, engadiuse, o servizo incorpora axuda e soporte de maneira gratuíta durante un ano para a posta en marcha dunha tenda en liña, é dicir, o desenvolvemento da plataforma de comercio electrónico e máis xestor de reservas.

PUBLICIDADE