O actor Ashton Kutcher quere superar á CNN en Twitter

xoves, 16 de abril do 2009 Marcus Fernández

Kutcher superou a Britney Spears en número de seguidores e está a piques de bater á CNN

Coa emerxencia das plataformas de redes sociais na Internet, moitos son os usuarios que en vez de utilizar estes sistemas para comunicarse cos amigos e familiares prefiren coleccionar amizades virtuais, chegando a dar pé a auténticas carreiras por este tipo de popularidade, o que tanto fan os políticos antes das eleccións coma os famosos. Dentro deste último tipo, o actor Ashton Kutcher, moi activo en Twitter, decidiu facer fronte á propia CNN, de xeito que comprometeuse a ir ata a casa de Ted Turner (fundador da canle televisiva), tocar o seu timbre e fuxir correndo, de superar o millón de seguidores en Twitter antes que o usuario cnnbrk (CNN Breaking News).
A cousa podería quedar nunha mera anécdota, pero a CNN recolleu a luva, e decidiu implicarse na competición (deixando de lado que entre as múltiples contas de Twitter que posúe a canle supera os 1,3 millóns de seguidores), aínda que Kutcher parece estar a preto de superar a proba, quedando só a pouco máis de 17.000 seguidores que a CNN (pois a súa aposta disparou o xa elevado ritmo de adhesión de seguidores do actor). Podemos facer un seguimento dos números de seguidores en Twitter dende a web Tweetrace, onde tamén podemos ver coma os seguidores da cantante Britney Spears non queren ser menos, e así a estrela do pop tamén está moi preto dos principais competidores.
Para animar o reto, Kutcher e a CNN tamén se comprometeron a doar mosquiteiras para loitar contra a malaria en países en vías de desenvolvemento (facendo unha maior achega o gañador) e o seguidor 1 millón de Kutcher recibirá unha copia do xogo Guitar Hero por parte do actor e de todos os xogos de EA do ano por parte da editora.
Curiosamente este tipo de carreiras non son algo raro, e en España un sketch humorístico no programa Muchachada Nui levou a milleiros de usuarios a facerse seguidores de Enjuto Mojamuto para superar a Enrique Dans en Twitter.


Ashton Kutcher falando da súa carreira en Twitter

PUBLICIDADE