O accidente de tren en Angrois mobiliza a Rede

xoves, 25 de xullo do 2013 Marcus Fernández

O tráxico accidente ferroviario que ensombreceu onte a celebración das Festas do Apóstolo e o Día de Galicia está a ter unha forte repercusión na Rede, en boa medida grazas a plataformas de comunicación como Facebook e Twitter, que serviron para mobilizar aos cidadáns nas súas accións solidarias e tamén foron de grande valía nas primeiras horas tras o sinistro, cando moitos medios de comunicación na Internet viron colapsados os seus servidores ante a demanda de información cidadá.
O Centro de Transfusión de Galicia está a dar conta a través de Facebook (e outras canles) das unidades móbiles ás que poden acudir os doadores de sangue para exercer a súa acción; Twitter está a ferver con numerosas informacións dende o primeiro minuto, acaparando o tema as tendencias de España con hashtags como #AccidenteSantiago, #animogalicia ou #GaliciaDeLuto; en YouTube apareceron vídeos gravados nos primeiros minutos tras o accidente e incluso un vídeo co descarrilamento do tren (que pronto apareceu en todos os medios de comunicación); e xornais como La Voz de Galicia, El Correo Gallego, o Faro de Vigo, El País ou El Mundo, e canles de televisión como a TVG e Canal 24h, están a desenvolver especiais en liña nos que abordan o tema en profundidade e achegan información de última hora. Unha vez máis, a Rede demostra ser unha das fontes de información máis empregadas polo público á hora de coller o pulso á actualidade.


Vídeo do accidente, que apareceu en primicia en YouTube

PUBLICIDADE