O acceso a banda larga a 100 Mbps chega ao 65% da poboación estatal

martes, 17 de novembro do 2015 Redacción

O acceso a banda larga a 100 Mbps chega arestora ao 65% dos españois. Son datos actualizados do Ministerio de Industria, que vén de adaptar ao tempo presente o seu informe sobre cobertura de Internet de alta velocidade a petición da Comisión Europea. Segundo o informe, a 30 de xuño deste ano o 64,98% dos españois tiñan acceso á banda larga de velocidades de máis de 100 Mbps, cun incremento de 3,92 puntos no semestre. A cobertura da banda larga a máis de 10 Mbps acada o 86,12% da poboación.
Na investigación sinálase tamén que a fibra óptica ofrece unha cobertura do 52,77% da poboación e medre en 7,98 puntos no primeiro semestre de 2015. Pola súa banda, a cobertura de banda larga móbil coa tecnoloxía 4G chega xa ao 79,08 % da poboación cun incremento de 2,74 puntos.
De xeito complementario o Ministerio de Industria vén de publicar a resolución da Convocatoria do ano 2015 Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración. O obxectivo deste Programa é “estender a cobertura das redes de telecomunicacións de nova xeración con capacidade para fornecer servizos de banda larga de moi alta velocidade (100 Mbps ou superior) e de alta velocidade (30 Mbps ou superior) ás zonas sen cobertura actual nin prevista nos vindeiros anos, denominadas zonas brancas NGA”. A finalidade deste programa é “loitar contra a fenda dixital, facilitando o despregamento das novas redes en zonas nas que, sen axudas públicas, non resultan rendíbeis para os operadores”. Estas axudas co-fináncianse co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Na convocatoria deste ano aprobáronse 100 proxectos de 39 operadores diferentes cun investimento total de 164,46 millóns de euros, que contarán cunha axuda pública de 57,84 millóns de euros. Mediante os proxectos aprobados, ofreceranse servizos de banda larga ultrarrápida en 1.080 localidades e 51 áreas empresariais de 504 municipios, “dotando de cobertura a 1.337.433 fogares e empresas”. Na táboa que amosa a distribución das axudas por Comunidades sinálase que na nosa terra hai dous proxectos beneficiados cun investimento total de 2,25 millóns de euros e unha axuda concedida de 0,79 millóns (agardándose que beneficien a 8.590 fogares galegos de 180 localidades en 16 concellos).

PUBLICIDADE