O Xabarín visitou a aula coruñesa da Rede CeMIT

martes, 27 de abril do 2010 Redacción

Trescentos sesenta rapaces e rapazas da Coruña tiveron a oportunidade de coñecer en persoa ao Xabarín, mascota do programa da Televisión de Galicia do mesmo nome, que visitou hoxe a aula da Rede CeMIT (Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia) da Biblioteca Pública Miguel González Garcés da cidade.
Esta actividade enmárcase dentro das iniciativas organizadas conxuntamente pola Secretaría Xeral de Medios e a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), para conmemorar o 25º aniversario do ente autonómico na Rede CeMIT.
O Xabarín únese así á serie de personaxes populares da radio e da televisión de Galicia que pasaron xa polas aulas da Rede CeMIT, como o emblemático home do tempo da Galega, Santiago Pemán; o presentador do programa de variedades Luar, Xosé Ramón Gayoso; ou o histórico locutor da Radio Galega Luís Rial.
Porén, as visitas de coñecidos persoeiros da compañía son só unha pequena parte das múltiples actividades previstas para celebrar o primeiro cuarto de século da entidade. Así, estanse a celebrar varios concursos a través da rede social Twitter, encamiñados a facer partícipe deste acontecemento a toda a sociedade, e de potenciar, ao mesmo tempo, o uso das novas tecnoloxías. Trátase dos certames Que esta a pasar nas aulas da Rede CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG e As mellores frases da dobraxe na Galega, cuxas bases poden atoparse na páxina web do Centro Multimedia de Galicia. Os interesados en participar aínda están a tempo de propoñer as súas frases favoritas da dobraxe da Galega ata este venres, que remata o prazo.
Cada un dos concursos contará con tres gañadores e entre os premios destacan reprodutores Blu-ray, discos duros externos ou videocámaras dixitais.

PUBLICIDADE