O-Visio achéganos catro cursos sobre as cousas 2.0, en galego e salientando o factor entretemento

martes, 4 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

O-Visio, selo de produtos e servizos con marca e identidade cen por cen galega, vén de anunciar a posta en marcha dunha serie de actividades formativas de especial interese para todas aquelas e aqueles que queiran pórse ao día nas novas canles de comunicación e promoción que achegan as redes. Os cursos, que se desenvolven en liña en xeiras de curta duración, agrúpanse baixo o denominador común da estratexia de seu Galiza 2.0. Estas actividades teñen o seu xermolo na constatación, por parte de O-Visio, de que existen moitas/os galegas e galegos na procura de métodos eficaces e accesíbeis para ampliar os seus coñecementos coa súa conta de Facebook ou Twitter, un blog de seu en blogaliza.org (a plataforma na nosa lingua para a creación de bitácoras) ou en introducírense nos fundamentos básicos da imaxe dixital e o retoque fotográfico con Photoshop.
Os cursos preparados, que citamos a continuación, teñen aberto arestora o prazo para inscribírmonos.
· Aprende os conceptos básicos da imaxe dixital e comeza a crear efectos fotográficos con Photoshop.
· Aprende a crear e xestionar de forma avanzada un blog na plataforma galega Blogaliza.
· Aprende a xestionar de forma avanzada tódalas opcións da túa conta de Facebook e Twitter.
As accións incluídas en Galiza2.0 son xeiras formativas de curta duración, en liña, e achegadas en galego. Asemade, os seus responsábeis sinalan que, amais do devandito, tamén teñen o ingrediente fundamental para non deixalas a medio camiño e para que o coñecemento impartido teña raizames máis fondos: o entretemento. A vindeira data de inicio das accións de divulgación é a do 20 de xaneiro. Na web de O-Visio xa é posíbel formalizar a inscrición.
Polo de agora, informan os seus responsábeis, a oferta limítase a catro cursos, pero en breve ampliarase a listaxe dispoñíbel co seguinte:
· Creación e xestión de Blog (con blogaliza.org)
-Iniciacións á Web 2.0. e ós blogs
-Creación e xestión de artículos
-Deseño do blog
-Comentarios
-Configuración e aplicacións
-Usuarios e permisos
-Guía: manter un blog activo
Imaxe dixital
-Conceptos básicos da imaxe dixital
-Iniciación a Photoshop
-Optimizar imaxes
-Montaxes e efectos con Photoshop
-Tratamentos avanzados de imaxe
-Flickr e Slideshare
Facebook
-Iniciación ó Facebook
-Facebook en galego
-Rexistro e configuración do perfil
-Xestión do muro
-Mensaxes e amigos
-Eventos, grupos e páxinas
-Privacidade e aplicacións
-Engadir botóns e widgets Facebook
Twitter
-Iniciación ó Twitter
-Twitter en galego
-Rexistro e configuración do perfil
-Deseño do perfil
-Xestión de seguidores
-Xestión de tweets
-Hashtags e mencións
-Privacidade e aplicacións
-Engadir botóns e widgets Twitter
Que é O-Visio?
É unha marca de camisolas galegas, da Costa da Morte, de compraonline. Nace a primeiros do ano 2011 como reivindicación da fala e uso da lingua galega acotío. Así nolo explican os responsábeis da iniciativa:O-Visio representa unha necesidade, a de comunicarnos en galego; quen leva posta unha «o-visio» está a berrarlle ó mundo que é galego e que se sente orgulloso de selo, leva ese orgullo chantado no peito; por outra banda, quixemos plasmar nas nosas camisolas os dialectos da Costa da Morte, o seseo e a gheada, porque nos parece algo fermoso e digno de ser defendido”, sinalan.

PUBLICIDADE