O Valedor do Pobo dálle azos á vía telemática para presentar queixas

venres, 7 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

En certa medida, a Administración Electrónica consiste en acurtar a distancia que media entre unha queixa e o seu oínte, sexa quen sexa e ocupe o despacho que ocupe. E, tamén, en axudar a que esa queixa poida ser emitida da maneira máis doada posible, redactándoa, achegando datos persoais e logo facendo click. Nesta liña é onde semella que se está a situar o Valedor do Pobo, que vén de anunciar a axilización do sistema para presentar este tipo de requirimentos pola Rede logo de cumprimentar un formulario dispoñible na web da dita figura pública. Na imaxe, o actual Valedor, Benigno López.
Para empregar o servizo, que é probable que sirva tamén para queixármonos do propio Valedor se por casualidade houbese motivos de alegación (por exemplo, este), teremos que achegar os nosos datos persoais, responder a unhas cuestións sobre o tema que nos preocupa e explicar contra qué órgano da Administración, concello ou entidade ou empresa desexamos presentar unha alegación.
Segundo apunta a oficina do Valedor, a confidencialidade dos nosos datos estará garantida ó cen por cen e, amais diso, so se empregarán as informacións para pescudar as razóns da queixa.

PUBLICIDADE