O VLC para o iPhone avanza cara á súa versión definitiva

venres, 20 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Capítulo dunha serie de televión vista dende o ZodPlay

Os desenvolvedores de ZodTTD levan unhas semanas traballando no vlc4iphone, unha aplicación que permitiría reproducir vídeos en moitos formatos no iPhone de Apple sen precisar de recodificalos, o que agradecerán os usuarios deste móbil que chegará a España o 11 de xullo. Agora comeza a abrirse esta aplicación ao público e, aínda que están nunha fase de probas, resulta moi prometedora.
Polo momento o programa, que vén de rebautizarse como ZodPlay, permite reproducir ficheiros MP3, MP4, MPG, AVI, FLV, WMV e algún outro formato máis, aínda que a velocidade de reprodución non é satisfactoria (na versión 0.9.5.7), pero agárdase que en breve chegue a ser plenamente funcional.
Este tipo de programas estanse a desenvolver extraoficialmente, ou sexa, a costas de Apple, e os responsables de ZodTTD aseguran que aínda non pensaron na posibilidade de vender aplicacións na App Store do iPhone, pero pensan que Apple non lles autorizará tal (lembremos que son un grupo de desenvolvemento especializado en crackear o iPhone) o que dá a entender que os programas non oficiais para o iPhone continuarán a proliferar para atender á demanda dos usuarios, pois moitas das funcións que desenvolverán serán contrarias aos intereses de Apple (ou incluso poderían arrastrar conflitos legais).

PUBLICIDADE