O VI Hackhaton Big Data & Analytics repartirá 2.000 euros en premios

venres, 8 de abril do 2022 S. P.

Os vindeiros 22 e 23 de abril terá lugar o VI Hackathon Big Data & Analytics, un evento organizado dende o Gaiás (Santiago) polo Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) de DXC Technology, coa colaboración do Instituto de Investigación Sanitaria IDIS e a axencia AMTEGA, ao abeiro das iniciativas do Plan Digitalent para promover as vocacións tecnolóxicas. Segundo informa o CEIN, reuniranse equipos de analistas, universitarios, emprendedores e todo tipo de persoas con inquietudes nos ámbitos de Intelixencia Artificial e a análise da información a gran escala (Big Data) que compiten para elaborar a mellor solución tecnolóxica ao reto que se lles propoña.
Nesta edición, que se celebrará no espazo de DigiTalent na Cidade da Cultura de Galicia, o desafío virará ao redor da elaboración de modelos preditivos sobre o impacto na saúde de factores ambientais con obxectivos como realizar recomendacións sobre a idoneidade de realizar actividades no exterior ou predicir a demanda asistencial no ámbito sanitario.
As propostas desenvolveranse en grupos multidisciplinares de traballo integrados por un mínimo de 3 persoas a un máximo de 5, contando co asesoramento técnico de profesionais de DXC.
Nesta edición repártense 2.000€ en premios.
Ademais dos galardóns que se entregan ao rematar o desafío, nesta edición haberá un premio especial ao equipo que faga a mellor predición como resposta ao reto exposto para un momento futuro que se especificará. O venres 4 de maio, avaliarase o grao de axuste das predicións ás medicións reais e determinarase o gañador.
Os premios serán outorgados por un xurado composto por membros do equipo organizador ( DXC) e o IDIS, buscando atopar un equilibrio entre o sector técnico e outros sectores afíns á finalidade da convocatoria.

PUBLICIDADE