O USB4 beberá das especificacións de Thunderbolt 3

luns, 4 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Intel anunciou hoxe que a súa tecnoloxía Thunderbolt 3 para conexións USB de tipo C vai estar dispoñible para todos, pero non se limitarán a permitir que os fabricantes empreguen estas especificacións, senón que tamén facilitan que o USB Promoter Group poida desenvolver unha especificación do estándar USB4 baseado no protocolo Thunderbolt, de xeito que ambos protocolos converxerán, incrementando a compatibilidade entre produtos con conectores USB-C.
A especificación USB4 dobrará o largo de banda do USB actual (chegando aos 40 Gbps) e permitirá que unha mesma conexión poida empregarse simultaneamente para transmitir datos e a información da imaxe dunha pantalla, mantendo a compatibilidade cos actuais estándares USB 3.2, USB 2.0 e Thunderbolt 3.
A nova especificación, en fase de revisión final, debería publicarse a mediados de ano, polo que tardarán bastantes meses en chegar produtos USB4 ao mercado, pero está a sentarse unha base moi sólida para que os equipos informáticos poidan limitar o seu número de cables practicamente a 1.

PUBLICIDADE