O Tribunal de Xustiza da Unión Europea declara ilegal o uso de números 902 para a atención telefónica

venres, 3 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Unha reclamación moi habitual por parte das asociacións de defensa dos consumidores durante os últimos anos é o feito de que algunhas compañías ofrezan os seus servizos de atención telefónica a través de números de tarificación non convencional, como os números 902, que non están incluídos dentro das chamadas tarifas planas dende o fixo e as chamadas tenden a ser especialmente caras dende o móbil, de aí que incluso xurdisen iniciativas na Rede para informar do número de teléfono fixo equivalente para permitir aos consumidores realizar as chamadas ás compañías coas que teñen contratados servizos sen padecer un prexuízo económico.
Aínda que resulta evidente que esta práctica atentaba aos dereitos dos consumidores, agora o Tribunal de Xustiza da Unión Europea déixao claro nunha sentenza contra a empresa xermana Comtech, á que denunciaron por non ofrecer un número de atención ao cliente fóra da tarifa básica.
A resolución interpreta a Directiva 2011/83 na que se recolle que «os Estados membros velarán por que, no caso de que o comerciante opere unha liña telefónica a efectos de comunicarse con el en relación co contrato celebrado, o consumidor, cando se comunique co comerciante, non estea obrigado a pagar máis da tarifa básica», do que o Tribunal interpreta que «cando o consumidor chama ao comerciante no marco dun servizo postvenda, no caso de que este haxa establecido unha liña telefónica para que os consumidores poidan pórse en contacto con el acerca do contrato celebrado, os custos que se facturen aos consumidores non poderán superar os custos habituais que se lles terían facturado pola chamada telefónica a un número de liña fixa (xeográfica) ou móbil estándar», ou sexa, que deixan clara a ilegalidade do uso de números 902 para o servizos de atención telefónica.

PUBLICIDADE