O Telecentro de Muros acolle este sábado unha xuntanza blogueira sobre embarcacións tradicionais

mércores, 8 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O Telecentro de Comunicación de Muros vaise converter esta fin de semana nunha xuntanza redeira vinculada ao mar. O evento, que será redeiro en todo o significado da palabra (haberá usuarios da Rede afeitos a manexar aparellos de pesca e todos eles reunidos nunha vila mariñeira), celebrarase o sábado 11 de xullo a partir das 20.00 horas. Baixo o epígrafe Encontro Blogueiro Aberto de Cultura Marítima e Fluvial, non se desenvolve por casualidade na dita vila costeira, esa mesma xornada. De feito, coincide coa novena edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se pon en marcha este xoves en Muros e que reunirá tripulacións (a día de hoxe, máis de 100) vidas de toda a nosa costa e de diferentes emprazamentos mariñeiros de España e Europa co obxectivo de intercambiar experiencias e poñer en marcha futuras colaboracións.
Con todo, será unha xuntanza aberta a quen queira participar, compartindo o mesmo espírito a vertente blogueira do evento que se organiza no Telecentro. O obxectivo desta cita internauta: fomentar o mutuo coñecemento e o diálogo entre as persoas que, administrando blogs ou calquera ferramenta interactiva de comunicacións, constrúen e amplían o espazo na Rede da cultura marítima e fluvial.
O esquema desta actividade será o seguinte:
· Presentación do Encontro por parte do administrador da web oficial da FGCMF.
· Intervencións das persoas participantes inscritas de non máis de dez minutos, expoñendo e compartindo aquelas consideracións da súa elección.
· Debate entre os participantes, moderado polo webmaster de Culturamaritima.org.
· Debate aberto ao público.
Como dixemos, a xuntanza blogueira insírese no IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que comeza mañá, xoves, e que é a actividade máis significativa das organizadas pola Federación Galega da Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF). Cada dous anos, reúnense nunha vila mariñeira galega embarcacións tradicionais e tripulacións chegadas de toda Galicia e doutros portos peninsulares e europeos para celebrar unha gran reunión festiva, de exhibición e reivindicación do patrimonio marítimo.

PUBLICIDADE