O Teatro Principal acolle a estrea dunha obra sobre os comportamentos absurdos arredor das TIC

luns, 16 de maio do 2016 Redacción

Movéndonos na era do dixital e da cultura do smart ou intelixente, alguén pode reparar se tanta tecnoloxía (e o mal uso dela) non pode provocar o efecto contrario ao desexado: a alienación ou idiotización do individuo... Algo semellante debeu servir de eixo propulsor da idea de crear unha obra de teatro que se estreará este mércores no compostelán Teatro Principal e organizada por Culturactiva, estamos a falar de Smart, como un teléfono intelixente pode converterte nun idiota.
Os que asistan a esta primeira función, estreada este mércores 18 ás 20.30 h, poderán gozar deste espectáculo de clown mudo sobre as novas tecnoloxías, para todos os públicos, coas pallasas Natalia Outeiro Pajarito, Akira Valero, e Marta Iglesias, dirixido por Antón Coucheiro. Tres pallasas adictas aos seus teléfonos proban unha nova e misteriosa aplicación. Cando fican sen os seus celulares, terán que aprender a relacionarse de novo analoxicamente. Esta comedia sen palabras, dirixida por Antón Coucheiro, é unha sátira social sobre os nosos comportamentos fronte á tecnoloxía.
As entradas custan 10 euros, a metade para persoas estudantes, xubiladas, menores de 25 anos, maiores de 65 anos, desempregadas, familias numerosas, monoparentais ou perceptores de rendas sociais. Pódense obter no despacho de billetes do Principal, de martes a sábado entre 18 e 21 horas.
A luz e o videomapping son de Dani Pais, o son de Túlio Rosendo, o vestiario de Olalla Tesouro e o vídeo de Vemo.tv. Alfonso Medina é auxiliar de produción, e tamén Eva Trinhanes, de quen tamén son as fotos.

PUBLICIDADE