O Startup Congress Galicia reúne dúas mil persoas interesadas en novos proxectos

xoves, 31 de marzo do 2022 S. P.

Comezou finalmente un dos grandes eventos empresariais e tecnolóxicos da tempada na nosa terra, non só polos temas a tratar e as importantes cifras de participación acadadas senón tamén porque en certa maneira certifica a volta a unha “semi-normalidade” no ámbito dos grandes acontecementos TIC. Estamos a falar do Startup Congress Galicia organizado pola Zona Franca de Vigo. Nel participan arredor de dous milleiros de persoas, máis de 500 de forma presencial e o resto en liña, á procura de novos proxectos. O congreso desenvolverase até mañá venres. É, en palabras da organización, o maior evento de investimento en Galicia.
O delegado do Estado, David Regades; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e os co-organizadores, Lalo García e Frankie Gómez, abriron o congreso, que, segundo fixeron saber, encherá Vigo de innovación, novos proxectos, networking, startups, emprendemento, investidores de toda España e “moita actividade”.
David Regades asegurou que “o apoio aos emprendedores está no noso ADN porque elas e eles son o inicio de grandes proxectos, de tecido empresarial e de economía. De todo iso en Vigo sabemos un pouco”, sinalou. Neste sentido lembrou as ferramentas do Consorcio a disposición dos emprendedores, como ViaGalicia, ViaExterior ou a incubadora High Tech Auto.
O alcalde, Abel Caballero, explicou ante un auditorio de emprendedores e investidores que “a clave son as ideas e o liderado para levalas a cabo” e animou ás startups para “continuar o camiño e perseverar, porque aí está clave do éxito”.
Startup Congress Galicia acolle durante dous días a todas as aceleradoras galegas e a máis de 50 fondos de investimento, cun amplo programa de charlas e mesas redondas, varias salas simultáneas con relatorios, mesas de debate e presentacións a investidores.
As actividades comezaron este xoves 31 con varias mesas onde se vai a analizar o futuro da industria, do retail, do deporte, a innovación, a banca, a saúde, a loxística e a enerxía. Alí debaterase entre actores de cada sector e entre os relatores estarán empresas como Estrella Galicia, Zelnova Zeltia, Selmark, Abanca, Altia, Marsan, Kaleido ou Reganosa, así como os clubs Celta, Obradoiro e Deportivo.
De forma paralela, o xoves, hai varias presentacións de fondos, entre elas un fondo biotech, así como mesas de investidores e presentacións por parte de proxectos que buscan investimento. Tamén están programados obradoiros de temática variada que profundarán en cuestións básicas para as startups, a preparación da entrada de capital de socios investidores, aprender a presentar un proxecto, como protexer unha innovación, a comunicación e as relacións públicas para estes proxectos ou a internacionalización.
ESte venres 1 de abril están previstas varias clases maxistrais con emprendedores de éxito. Estará Hugo Arévalo, responsábel de JobTalent e ThepowerMBA e que conta cunha carteira que xa superou as 30 compañías, algunhas tan destacadas como Cabify ou Glovo. Tamén estará Luis del Pozo, CEO de Legalitas, decidido a revolucionar o sector legal: "Queremos ser o Netflix dos avogados", asegura. Así mesmo, contarán con Héctor Estévez, CEO da firma viguesa Centum, que vendeu a Canadá un sistema para rescates.
As aceleradoras Viagalicia, BFAero, BFAuto, Celta Labs, Abanca Innova, BFFood, High Tech Auto e Connector Startp Accelerator presentarán as súas mellores empresas aceleradas a un extenso grupo de investidores.
Xa para rematar a xornada do venres, o congreso Startup Congress Galicia acollerá a Laconnetwork, que xorde como reunión espontánea de emprendedores relacionados coas TIC e que evolucionou ao maior evento de emprendedores de Galicia.

PUBLICIDADE