O Soldadiño de Chumbo, recoñecida en OFestivalON

mércores, 4 de agosto do 2010 Fernando Sarasketa

A curta galega O Soldadiño de Chumbo, dirixida por Virginia Curiá e Tomás Conde, vén de recibir un novo recoñecemento a sumar á longa serie de recollidos no seu itinerario polos festivais de cinema de animación internacionais. Desta volta, o pulo vénlle a filme da súa propia terra, máis polo miúdo do certame OFestivalON, que se celebrou os días pasados en Ribadeo. No marco deste evento, o xurado decidiu outorgarlle o premio á mellor curta de animación a O Soldadiño de Chumbo, filme producido por Algarabía e Continental. Por certo que a peza competía en Ribadeo con obras de primeira calidade procedentes de varios países.
O Soldadiño, que foi presentado hai uns cantos meses no YouTube, ten unha liña argumental que nos colle ben de preto aos galegos. De feito, transcorre no Museo do Xoguete de Allariz, emprazamento onde se escenifica o día a día do soldadiño ao que alude o título da curta. Por certo que esta sala expositiva privilexiada foi a escollida para a presentación física da peza, baseada no relato do mesmo nome de Hans Christian Andersen. O filme galego precisou para o seu remate dun bo número de recursos. Así, foron necesarios doce meses de traballo para a rodaxe e máis un longa serie de metros de plastilina, amais de 18.000 tomas fotográficas dixitais.

PUBLICIDADE