O Sistema Electrónico de Atención á Cidadanía centrou unha nova xornada formativa para o noso funcionariado
martes, 29 de outubro do 2019
Esta
mañá celebrouse
a segunda xornada explicativa do Sistema Electrónico de Atención á
Cidadanía para o persoal das consellerías da Administración
galega. Este programa de formación, que recibiu hoxe a visita da
directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia
Prieto, está a fornecer de coñecemento e adestramento TIC a máis
de medio milleiro de funcionarias e funcionarios do Goberno galego:
coñecemento sobre o funcionamento do devandito sistema dixital de
comunicación.
Na
sesión de hoxe participaron arredor de 150 traballadores públicos
das consellerías de Educación; Cultura e Turismo; Política Social;
e Medio Rural, que se suman aos 143 dos departamentos de Facenda;
Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Infraestruturas e Mobilidade;
Economía, Emprego e Industria; e Sanidade, que participaron na
xornada de onte.
A
formación seguirá nas delegacións territoriais da Xunta a partir
da próxima semana para achegar o SIACI a outros 200 empregados
públicos. A primeira das xornadas nas provincias será o martes, 5
de novembro, na delegación do Goberno galego en Lugo; o venres, día
8, impartirase nas de Pontevedra e Vigo; o 13 de novembro na
delegación territorial da Xunta na Coruña; e o día 14 na de
Ourense.
A
directora xeral salientou que o sistema de atención “permitirá
reducir os prazos de resposta, eliminar o papel na tramitación
interna e continuar a consolidar unha administración moderna,
transparente e dixital”. Amais, explicou que o SIACI recolle nun
único punto a xestión de tódalas queixas ou suxestións, así como
as solicitudes de información xeral e particular e de acceso a
información pública, que a cidadanía desexe presentar por vía
electrónica, presencial ou telefónica.