O Servizo de Publicacións da USC estréase no libro electrónico

venres, 19 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

O Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago vén de oficializar o seu chimpo cara ao universo da cultura en formato dixital. E faino co seu primeiro libro electrónico, Educación e linguas en Galicia, coordinado por Bieito Silva, Xesús Rodríguez e Isabel Vaquero. A publicación, que foi presentada esta semana, é exclusivamente dixital, o que lle engade aínda un meirande espírito anovador. De feito, para o director do Servizo, Juan Blanco, presente no acto de presentación, estamos a falar dun “feito editorial histórico para a Universidade de Santiago”. Porén, non se trata dunha iniciativa única. A intención da USC é acadar que a maior parte da súa obra editada forme parte do repositorio dixital, “de carácter aberto e sen restricións de consulta”.
Máis en detalle, a obra presentada esta semana é unha colleita dos relatorios das xornadas que a USC organizou o ano pasado sobre o papel da lingua galega na nosa educación e na nosa sociedade. Nesta xuntanza, impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística da USC, tratábase de avaliar o modelo lingüístico máis acaído para o ensino non universitario en Galicia dende os puntos de vista político e educativo e estimular os centros formadores de profesorado para melloraren a formación lingüística dos futuros docentes. O resultado, polo tanto, é un volume que achega diferentes puntos de vista complementarios (político, académico, formativo) sobre a cuestión.

PUBLICIDADE