O Sergas potenciará as videoconsultas

mércores, 4 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

O Sergas está a distribuír 12.500 novas pantallas con cámara e micrófono nos centros de saúde e especialistas de todas Galicia para facilitar a realización de videoconsultas, o que confían que resulte de grande utilidade para consultas psicolóxicas, de dermatoloxía ou para atender cidadáns con dificultades de mobilidade.
Para poder facer uso da videoconferencia é preciso contar coa nova versión de IANUS, plataforma que en 4 meses estará instalada en todos os centros de saúde. Este sistema tamén permitirá aos usuarios subir os datos médicos dos dispositivos prescritos polos facultativos, como os cardioimplantes, así como os datos de tensión ou actividade física que ofrecen os smartwatches. Tamén será posible confirmar a presenza no centro médico recollendo o tícket virtual.
O subdirector de Sistemas e Tecnoloxías de Información do Sergas, Benigno Rosón, explicou á TVG que «a consulta telefónica está moi instaurada e é o cidadán o que normalmente elixe esta modalidade; e cando está falando co profesional, se o profesional sanitario detecta que é importante, pode facilmente cun clic na historia clínica facer que o paciente reciba un SMS ou un enlace por correo onde poder conectarse».

PUBLICIDADE