O Sergas pon en marcha un servizo para converter a voz contidos web

martes, 10 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Unha boa parte das carencias da Rede e da informática en xeral veñen pola súa suposta universalidade. Dito doutro xeito: se deixamos a construción da Sociedade do Coñecemento unicamente en mans das iniciativas privadas con febre de lucro, corremos o risco de que todo estea feito en base ás características do groso dos clientes (e quen non entre dentro desa visión, que se esqueza de ser internauta). Para que se entenda: que pasa cando non temos visión abonda como para todo o que nos ofrece a pantalla? As solucións a estas carencias amosan unha vez máis que aprendimos ben pouco ao longo deste tempo sobre accesibilidade no mundo real: vanse achegando agora que xa está feita unha parte da Rede. Con todo e en boa parte por iso, a obriga de poñérmonos mans á obra está máis vixente ca nunca.
Exemplos desta liña de traballo hai moitos, e algúns dos máis salientables atopan acubillo precisamente na nosa xeografía. Por exemplo a ferramenta Voxweb, sistema de conversión de voz de contidos textuais que o Servizo Galego de Saúde está a ofrecer nos seus portais web, en galego e máis en castelán. Entre outras cousas e como indica o seu nome, permite pórlle son ao que naceu sendo silente. A ferramenta, que foi integrada da man da empresa do mesmo nome e Tecnocom, aplícase arestora a todos os procesos e interfaces que o Sergas mantén como pezas do seu servizo en liña ao cidadán.
A proposta, como se pode supoñer, insírese no camiño da accesibilidade e a inclusión: especialmente axeitada para persoas con diversidade funcional ligada aos problemas de visión, ou ben para internautas acabados de chegar á Sociedade do Coñecemento. Asemade, incorpora algunha que outra das principais características da Internet de hoxe: é interactiva e achega comunicación personalizada e baixo demanda do usuario.
Segundo indica o Sergas, o seu funcionamento é doado: non hai máis que empregar o reprodutor que inclúen as páxinas web do seu portal activadas para a lectura do texto. Para comezar a usar a ferramenta, non temos máis que premer e escoitar. Asemade, sinalar que os controis da aplicación posibilítannos o manexo integral da lectura, descargar un arquivo en formato mp3 co texto lido ou regresar ao estado inicial do reprodutor para mudar a velocidade da voz.
Co fin de ver de xeito correcto os contidos destas páxinas é preciso descargar e instalar o Adobe Flash Player Plugin no sistema. Con este proceso, o equipo dende o que nos conectemos estará preparado para amosar a información. Por certo que o devandito programa soporta a meirande parte dos navegadores de uso máis común: Firefox, Internet Explorer ou Opera. Polo que respecta aos requirimentos propios do computador que teñamos entre mans, sinalar que serán os habituais no manexo de contido multimedia: tarxeta de son, altofalantes, etc.
Xa nun nivel máis técnico e segundo informa a firma Tecnocom (colaboradora no proxecto dende as súas sedes da Coruña, Santiago e Vigo), a solución achegada, ademais dos servizos precisos para unha integración nos contornos web do Sergas, propón unha arquitectura baseada nun display de conversión a voz para contidos web baseado nun produto do fabricante Voxweb, especializado no deseño de aplicacións con voz.
A ferramenta, engaden fontes da devandita empresa, inclúe un motor TTS do fabricante Loquendo, firma que colaborou con Tecnocom na tarefa de desenvolver a voz existente na lingua galega.

PUBLICIDADE