O Senado aproba unha moción para corrixir as deturpacións dos nosos topónimos nas webs do Goberno

venres, 15 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza

Vale que o galego tamén é lingua oficial no Estado, pero en ocasións chegan os paus dende quen supostamente debería estar obrigado a salvagardar o seu uso. No caso que nos ocupa, falamos do Ministerio de Cultura, que nun apartado da súa web (feitos xa comentados en Código Cero) debeu de botar man de información xerada na época máis represiva da historia de España, tendo en conta a achega de topónimos galegos do máis deturpado (como Monasterio de Osera ou El Bollo) para o rexistro de espazos de interese cultural de todo o territorio. A situación foi finalmente denunciada polo BNG e agora chega a un novo estado de cousas trala aprobación na Comisión de Cultura do Senado dunha moción do partido nacionalista galego para instar ao Goberno a correxir “as deformacións toponímicas que se poden observar nas edicións dixitais oficiais dos ministerios como o de Cultura”.
Neste senso, cómpre salientar que o BNG acadou a unanimidade logo de chegar a “un acordo transaccional” con tódolos grupos da Cámara, “xa que non cambiaba os requerimentos dos nacionalistas galegos”.
En concreto, explicou o BNG, o problema desta volta (que non é novo) albíscase na web de Cultura cando accedemos á xanela de Patrimonio Histórico para consultar a listaxe de Bens Culturais Protexidos. Na listaxe, puntualizou o partido nacionalista, “pódense comprobar auténticas barbaridades da toponimia oficial da provincia de Ourense.
O BNG tamén aludiu á provincia de Pontevedra con “xoias do tipo: “Nieves”, “Caldas de Reyes”, “Cotobad”, “Puentecesures”, “Oya”, “Poyo”, “Tuy”, “El Bollo”,...

PUBLICIDADE