O Seminario de Lingüística Informática da UVigo lanza a primeira Biblia políglota do galego
luns, 14 de maio do 2018
Esta quinta feira (xoves) é o Día das Letras
Galegas, e para conmemoralo (e para conmemorar tamén os seus quince
anos de andaina), o Seminario
de Lingüística Informática (SLI) da Universidade de Vigo vén
de presentar unha nova versión do CLUVI,
un banco de traducións de libre con acceso a 47 millóns de palabras
(entre o galego e outras linguas). Entre as principais novidades
desta nova versión atópanse a renovación do seu sistema de
consulta e unha profunda ampliación da súa base documental. Ao
abeiro desta ampliación lánzase a que sería a primeira Biblia
multilingüe dispoñíbel para o galego.
Segundo explica o profesor da Facultade de
Filoloxía e Tradución Xavier Gómez Guinovart, responsábel dos
traballos de creación do CLUVI, “a aplicación de consulta
permite, por exemplo, buscar unha palabra e comprobar as súas
equivalencias interlingüísticas en contextos reais de tradución,
tal como se recollen nos textos orixinais arquivados no CLUVI e nas
súas traducións”. Gómez Guinovart tamén fai saber que a nova
versión inclúe no seu banco de datos “un importante número de
traducións da Biblia”, incluíndo a única existente en galego.
Tamén están dispoñíbeis adaptacións a idiomas da nosa contorna
cultural inmediata (portugués, francés, inglés, alemán e
italiano); como o latín, considerada a primeira tradución da Biblia
en lingua vulgar, o resto das linguas cooficiais do estado (catalán,
español e éuscaro) e a lingua máis falada do mundo (o chinés).
“Esta Biblia políglota do galego, a primeira da
súa especie, resulta de especial significación na constelación de
textos do CLUVI, xa que cos seus sete millóns e medio de palabras
representa o conxunto de documentos de maior extensión textual
recollido até o de agora no seu banco de traducións”, explica
Gómez Guinovart, salientando igualmente a relevancia “de podermos
realizar pescudas informáticas na Biblia galega políglota no ámbito
da tradutoloxía e dos estudos culturais, e a relevancia que posúe a
súa tradución vernácula como índice da normalización lingüística
dun idioma”, recalca o docente.
No que atinxe ás novidades nas funcionalidades de
consulta do CLUVI, unha das máis salientábeis é a incorporación
ao sistema dun dicionario plurilingüe, que permite identificar nas
traducións as palabras equivalentes aos termos da procura. A equipa
do grupo SLI destaca que con esta nova característica, as
prestacións do CLUVI achéganse moito ás ofrecidas por recursos
como a aplicación de balde Linguee para
outros idiomas, entre os que non se atopa o galego. “Por esta
razón, o novo CLUVI pode considerarse o Linguee do galego, pois é
quen de fornecer palabras e frases equivalentes entre o galego e
moitas outras linguas, mesmo minorizadas, unha funcionalidade da que
carece o Linguee que todos usamos”, explica Gómez Guinovart.
Xunto á renovación do seu motor de consulta,
engade, “o novo portal presenta unha completa actualización da súa
interface, cunha presentación moito máis sinxela e completamente
respectuosa cos dispositivos móbiles, que tenta ofrecer unha
experiencia de uso igualmente agradable nas pantallas grandes e nas
pequenas”.
Sinalar a maiores que o CLUVI dispón de
combinacións lingüísticas co galego, español, inglés, francés,
portugués (de Brasil e de Portugal), catalán, italiano, éuscaro,
alemán, latín e chinés (simplificado e tradicional) e as
traducións incluídas pertencen a nove dominios especializados:
ficción, informática, divulgación científica, textos bíblicos,
dereito e administración pública, información ao consumo,
economía, turismo e subtitulación.