O Samsung Galaxy S6 edge+ chegará ás tendas o 3 de setembro

xoves, 27 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Luis de la Peña debullou as bondades do Samsung Galaxy S6 edge+ na súa visita á cidade da Coruña

O pasado día 13 Samsung anunciou os seus novos smartphones con pantallas de 5,7 polgadas, o Galaxy S6 edge+ e o Galaxy Note 5, e aínda que a reserva do primeiro leva tempo realizándose tanto en tendas como a través de operadores, un dos responsables da comercialización de Samsung para España, Luis de la Peña, visitou esta semana A Coruña para confirmar que a partires do 3 de setembro teremos o Galaxy S6 edge+ nas tendas españolas en cor ouro platino e negro zafiro e con capacidades de almacenamento interno de 32 e 64 GB a un prezo de 799 e 899 euros respectivamente.
De la Peña tamén salientou que nos últimos 12 meses as vendas entre a canle de retail e os operadores de telefonía móbil na Coruña atopábase en equilibrio, en contraste co que acontece no resto do Estado, o que fai que a compañía teña que coidar de xeito semellante ambas canles de distribución.
Lembremos que o Samsung Galaxy S6 edge+ é un terminal cun deseño moi coidado, que destaca especialmente por contar cunha pantalla de 5,7 polgadas curvada en ambos laterais do teléfono, elemento que non só afecta visualmente ao dispositivo, senón que tamén se aproveita para poder empregar os laterais para lanzar aplicacións e contactos a xeito de atallo ou incluso pode empregarse para amosar a hora e notificacións, o que pode resultar práctico, por exemplo, ao ter o terminal sobre a mesa do dormitorio mentres descansamos.
Outro elemento especialmente importante do novo smartphone de Samsung é a súa batería de 3.000 mAh, que conta con sistema de carga rápida tanto a través de cable como mediante a carga sen fíos (elemento no que estamos ante un produto innovador). Tampouco lle faltan as últimas tecnoloxías de Wi-Fi e Bluetooth, lector de pegadas dixitais, un potente procesador e unha xenerosa cantidade de memoria (4 GB) e cámaras de 16 e 5 Mpíxeles, que conta con funcionalidades avanzadas como Live Broadcast, que facilita a realización de retransmisións de vídeo en directo a través de YouTube directamente dende o smartphone.
Unha funcionalidade que tamén destacan dende Samsung é SideSync, unha solución que sincroniza o móbil co ordenador persoal, para poder responder textos e chamadas dende o ordenador, ou poder copiar fotografías e vídeos de xeito doado.
Estamos posiblemente ante o smartphone con Android 5.1 que servirá de referencia ao mercado durante os vindeiros meses, e co que o resto de fabricantes terán que medirse, aínda que factores como a súa pantalla con dobre curvatura fan que goce da identidade que lle facilite converterse nun dispositivo aspiracional na liña do que acontece cos smartphones de Apple.

A curvatura lateral do Galaxy S6 edge+ facilita o acceso a atallos a aplicacións e contactos

O novo teléfono de Samsung tamén conta con numerosos accesorios entre os que destaca unha funda que integra un teclado QWERTY

PUBLICIDADE